Libraría

Pablo García presenta o libro «Un largo puente de papel» na Libraría NUMAX

[Foto: Antía Ameixeiras]
O investigador Pablo García Martínez estará o mércores 14 de xullo ás 19:30h na Libraría NUMAX para presentar o libro «Un largo puente de papel. Cultura impresa y humanismo antifascista en el exilio de Luís Seoane (1936-1959)», editado polo CSIC. O autor estará acompañado polas docentes Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade Villar.

Este libro de Pablo García Martínez reconstrúe e interpreta con rigor científico a traxectoria de Luís Seoane artista, escritor, intelectual e político  abarcando dende o seu galeguismo antifascista durante os anos 30 ata a dirección da revista Galicia Emigrante (1954-1959) no seu exilio porteño. Apoiado nun forte traballo de arquivo e nunha bibliografía sólida que documenta o contexto histórico, político e cultural da época, este estudo mobiliza achegas de diferentes áreas como o modernismo e a prensa da época, ou a intersección política entre memoria e historia, como vectores que se suman á interpretación de aspectos máis coñecidos da participación de Seoane nas disputas pola hexemonía do galeguismo, así como o seu intento errado de crear unha ponte co grupo articulado arredor da editorial Galaxia no Vigo franquista. A presentación terá lugar o mércores 14 de xullo ás 19:30 horas na Libraría NUMAX e, nela, o autor estará acompañado das profesoras e investigadoras Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade Villar. 

Pola situación da Covid-19 o acto conta con prazas limitadas e aconséllase reserva previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram (@numaxcoop).

Pablo García Martínez (Arzúa, 1985) é investigador postdoutoral da Fundación Alexander von Humboldt, con residencia na Friedrich-Alexander Universität (FAU), de Erlangen-Nuremberg. Doutorado pola City University of New York (CUNY), publicou a súa investigación en revistas de referencia do seu campo, como o Journal of Spanish Cultural Studies, a Revista Hispánica Moderna ou o Bulletin of Hispanic Studies. Tamén presentou a súa investigación —xa fora en congresos ou palestras por convite— en centros de referencia como Columbia University, Harvard University, Oxford University, Johns Hopkins University, University College Cork, a Universidade Complutense de Madrid ou a Universidade de Santiago de Compostela. En 2021 comisionou, na Fundación Luís Seoane, a exposición Modernidades diverxentes. Seoane, Ver y Estimar. Neste mesmo ano, a Biblioteca del Exilio da Editorial Renacimiento publicará unha edición do teatro de Seoane ao coidado de García Martínez, quen se encarga tamén do estudo introdutorio e das notas que acompañan aos textos dramáticos.