Libraría

Sinatura e retratos en directo coa ilustradora Patricia Bolaños

A ilustradora madrileña Patricia Bolaños, autora do libro New York is the thing, editado por Mont Ventoux, realizará firma de exemplares e retratos en directo durante a tarde do sábado 17 de decembro a partir das 18h00 no espazo da libraría. Esta visita enmárcase dentro dunha xira por España na que tamén visitará cidades como Madrid, Valencia, Ourense, Barcelona e A Coruña.

New York is the thing é un paseo pola vida de dez personaxes únicos cuxa pegada é indispensable para entender o Nova York de hoxe en día. A través da súa afiada pluma e das súas enxeñosas ilustracións, Patricia Bolaños descóbrenos recunchos cheos de anécdotas da man dos seus personaxes. O apartamento onde a poderosa editora de moda Diana Vreeland crea o concepto da Gala Met, as habitacións ás que prendeu lume a it girl Edie Sedgwick, os bares de cruising onde Robert Mapplethorpe tomaba as súas imaxes máis sórdidas, o local onde Marsha P. Johnson comezou a loita polo dereito para a comunidade LGTBIQ+, as rúas de Brooklyn retratadas no cinema de Spike Lee ou o edificio onde Nora Ephron atopou acougo tras o seu divorcio e que inspirou varios dos decorados das súas películas.

Acompañando a mirada atenta e perspicaz de Patricia Bolaños, descubriremos unha perspectiva única da urbe e da súa historia recente. “New York is the Thing“ é unha fascinante guía emocional a medio camiño entre a memoria e a mitomanía que che fará coñecer a cidade como se foras un dos protagonistas que se pasean polo libro.

Patricia Bolaños é unha ilustradora que actualmente vive en Nova York. O seu traballo foi publicado en revistas como Harper's Bazaar, Esquire, Condé Nast Traveler, Vanity Fair, El País Semanal, Glamour, e Cinemanía. Tamén traballou con marcas como Giorgio Armani, Lancôme, DKNY, e New York Link.