Libraría

Pepa Prieto presenta o cómic «Mis agendas semanales» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Mis agendas semanales (Apa Apa Cómics) de Pepa Prieto o venres 10 de maio ás 20h30. A autora estará acompañada polo xornalista Anxo F. Couceiro. A entrada é libre ata completar aforo.

Pepa Prieto Puy (Santiago de Compostela, 1989) é unha xoia oculta do panorama alternativo español, unha autora subterránea, que se asoma nalgunhas antoloxías e nunha chea de fanzines propios. Agora dá o salto ao libro, en Mis agendas semanales, unha recompilación do mellor da produción dunha debuxante que mestura o cotián co surrealista, e o humorístico co onírico. Camas que engolen aos seus ocupantes, festas no cemiterio a ritmo de pop, citas pochas de Tinder, aerobic en pandemia, unha versión de Alicia no país das marabillas e moito máis.

Pepa Prieto Puy pertence a unha xeración que revolucionou o panorama da autoedición e os fanzines. Mis agendas semanales é o seu primeiro libro, unha selección das súas mellores historias que inclúe unha mostra das portadas das súas axendas semanais, un exercicio de debuxo co que a autora organiza as súas citas, as súas compras e tarefas. Un cómic autobiográfico diferente a calquera outro, unha viaxe vital que nos levará da Coruña a Angouleme a través das vivencias, soños e anécdotas dunha das autoras máis frescas do momento.
 
Mis agendas semanales é puro zeitgeist, un retato de realismo alucinado da precariedade económica e emocional da xeración dos 30 e tantos, que lembra a Simon Hanselmann ou Roberta Vázquez, pero que ten, ao mesmo tempo, unha personalidade única e inimitable, chea de humor e poesía.