Cinema

Presentación e coloquio en liña con Paul B. Preciado na preestrea de «Orlando»

Temos unha sorpresa para ti! Orlando, a esperadísima opera prima de Paul B. Preciado, cuxa estrea oficial en salas será o 11 de outubro, terá unha preestrea o vindeiro martes 26 de setembro que contará con presentación e coloquio en streaming co filósofo e escritor. Entradas xa á venda.

O martes 26 a partir das 19:45, Paul B. Preciado presenta desde os Cines Gólem de Madrid a súa opera prima, Orlando, a miña biografía política, nun evento que retransmitiremos en streaming desde a propia pantalla de NUMAX en colaboración coa distribuidora Atalante. Preciado é filósofo e escritor da máxima relevancia internacional sobre a transición de xénero e no seu debut como cineasta está a acadar unha espectacular acollida, sendo a obra máis premiada da pasada Berlinale, con selección en certames como Telluride, Toronto, New York ou Donostia.

Orlando, a miña biografía política preséntase como unha celebración da supervivencia e a loita pola liberdade das persoas trans e non binarias. O filme colle como punto de partida o libro escrito en 1928 por Virginia Woolf Orlando, primeira novela na que o personaxe principal cambia de sexo no medio da historia. Un século máis tarde, o filósofo Paul B. Preciado decide escribirlle unha carta a Virginia Woolf: o seu Orlando saíu da ficción e leva unha vida que endexamais tería imaxinado.

O evento do vindeiro martes arrancará ás 19:45 cunha presentación a cargo do autor que poderemos ver na pantalla do cinema, a continuación gozaremos da proxección de Orlando, a miña biografía política para, ao remate, volvermos conectar co autor para un coloquio en streaming. O acto rematará cara ás 22:00 horas.

Paul B. Preciado (Burgos, 1970) foi Director de Programas Públicos e do Programa de Estudos Independentes no Museu d’Art Contemporani de Barcelona, comisario de programas públicos de documenta14 (Kassel/Atenas) e comisario do pavillón de Taiwán na Biennale de Venecia 2019. Os seus libros Manifiesto contrasexual (2020), Testo Yonqui (2019), Pornotopía (2019), Un apartamento en Urano (2019), Yo soy el monstruo que os habla. Informe para una Academia de psicoanalistas (2020) e Dysphoria Mundi (2022) todos publicados en Anagrama son un referente clave da arte contemporánea e o activismo queer, trans e non binario. Naceu en España e vive en París.