Libraría

A Libraría NUMAX, gañadora do concurso de escaparates de Anagrama conmemorativo do seu 50 aniversario

Participaron 59 librerías de toda España, e finalmente o xurado decidiu premiar a Libraría NUMAX de Santiago, que compuxo un escaparate reconstruíndo algúns fitos literarios na historia da mítica editora.
 

Co título Anagrama (1969-2019). Pasado, presente e futuro a través das coleccións da editorial a proposta da libraría NUMAX para o concurso de escaparates da editora amosaba unha parte dos “números un” das distintas coleccións que a editorial foi publicando ao longo de cincuenta anos. Así, Alberto Méndez, Patricia Highsmith, John Kennedy Toole, Alessandro Baricco ou Claudio Magris, rodeados de “amigos” como Julian Barnes (nº 1000 de Panorama de Narrativas), Carmen Martín Gaite e Álvaro Pombo (primeiro Premio Herralde de Novela), emblemas da política de autor de Jorge Herralde, editor ao fronte de Anagrama desde 1969, iluminaron o escaparate da libraría compostelana durante varias semanas.

A ventá á editorial composta desde Numax combinaba exemplares vixentes á venda con edicións esgotadas e/ou fóra da circulación, o que permitiu trazar un percorrido histórico, incorporando coleccións como Contraseñas, Serie Informal, La educación sentimental, Cinemateca Anagrama; ou contrastando vellas e novas coleccións.

Detrás do cristal, paseantes e visitantes de NUMAX puideron contemplar a variedade de títulos e coleccións que ofrece a marca de estilo da editora a través dos seus deseños: desde as máis “golfas” das vellas Contraseñas, pasando polos eternos Compactos Anagrama, as clásicas coleccións de Narrativas Hispánicas e Panorama ou as novas ilustracións para Compactos 50, sen esquecer o traballo de Ángel Jové, a quen a editorial consagrou un libro.

No escaparate da libraría tamén houbo un recordo para o Joaquín Jordá de Numax presenta, o filme que deu nome á cooperativa, e o cineasta querido que foi parte da Anagrama dos primeiros anos. Jordá dirixiu a Cinemateca Anagrama e surtiu a editorial de traducións que aínda hoxe forman parte do catálogo: con Bourdieu, Calasso, Pennac ou Arbasino, entre moitos outros.

Ademais, as libreiras de NUMAX compuxeron un itinerario libresco especial 50 aniversario de Anagrama acompañando este escaparate.