Libraría

Presentación da Biblioteca Afro Americana Madrid (BAAM) na Libraría NUMAX

Mireia Sentís e José Luis Gallero, impulsores da Biblioteca Afro Americana Madrid (BAAM), visitan a Libraría NUMAX para presentar dous novos títulos da colección, Una historia de la conciencia (Angela Davis) e Una cata de poder (Elaine Brown), e expoñer ante o público asistente as liñas centrais do seu traballo. O acto terá lugar o venres 10 de xuño ás 20:00.

A colección BAAM (Biblioteca Afro Americana Madrid), dirixida pola fotógrafa, escritora e especialista en cultura afroamericana Mireia Sentís e polo poeta e editor José Luis Gallero, nace en 2012 destinada a dar a coñecer as obras máis representativas da cultura afroamericana, inéditas até o momento en español. Tras catro anos de intenso traballo e un bo número de libros publicados, Sentís e Gallero visitan a Libraría NUMAX para nos falar do traballo desenvolvido até a data por BAAM e os seus novos proxectos editoriais. As publicacións da BAAM inclúense dentro da editorial Ediciones del Oriente y del Mediterráneo.

No acto, os directores da BAAM presentarán as novidades da colección neste 2016, obra de dúas autoras centrais do pensamento afroamericano. A primeira delas é Una historia de la conciencia, compilación de ensaios de Angela Davis, que condensa neste volume varias das súas preocupacións, desde a súa postura de muller negra, marxista e feminista. O segundo texto a presentar é Una cata de poder, combinación inusual de relato épico e crónica íntima da que foi líder do Partido Pantera Negra, Elaine Brown.

A presentación da colección BAAM terá lugar na Libraría NUMAX o venres 10 de xuño ás 20:00.

Imaxe: Cartel deseñado en 1969 por Emory Douglas, Ministro de Cultura dos Black Panthers.