Libraría

A filósofa Rebeca Baceiredo presenta «Animais de estimação e bestas de companhia»

«A relación coa alteridade encarnada no tratamento dos seres animais e como esta constrúe a súa e a nosa subxectividade son algúns dos temas que trata Rebeca Baceiredo neste estudo que é Animais de estimação e bestas de companhia», segundo explica Teresa Crisanta Pilhado, codirectora de Através Editora, que acompañará á autora na presentación, xunto ao filósofo Brais Arribas, o vindeiro venres 15 de marzo ás 20:00.

Nesta obra a autora explora desde unha óptica filosófica a nosa relación con outras especies e estuda a alteridade e a relación dos humanos cun Outro animal. Como se constrúe a subjetividade con respecto ao Outro, o arriscado de falar por boca do Outro e a posibilidade da súa mercantilización son temas que aparecen neste ensaio. Rebeca Baceiredo fai un estudo desoutro animal que estamos se(gui)ndo. "O universo da pulga -di Deleuze- é agardar até sentir calor e lanzarse sobre ese foco térmico que é o corpo doutro animal. Ignoramos se a pulga só entende iso, se a existencia da pulga se limita a tal exercicio, se o mosquito que procura o sangue doce no cuarto escuro da noite non contempla a posibilidade de que eu acorde e o esmague contra a parede. Non o sabe? mais intúeo, pois ao acender a luz permanece quieto, evitando o perigo."

Rebeca Baceiredo é unha filósofa e escritora galega. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e doutora en Filosofía cunha tese sobre Gilles Deleuze, Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze. Publicou O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005; Galaxia 2006), (repeat to fade) (Estaleiro, 2011), A revolución non vai ser televisada. Devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze (Premio AELG de Ensaio, 2013; Euseino? 2013), E meterei a miña lei no seu peito (Estaleiro Editores, 2014), Capitalismo e fascismo (Euseino? 2015), Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras (Axóuxere, 2016), O canto da Sibila (Galaxia, 2016) e A verdade errada e a representación errante (Euseino?, 2018).