Libraría

Presentación do poemario «Campo aberto», de César Souto

O luns 14 de xaneiro o xornalista e poeta César Souto presentará o seu último poemario, Campo aberto. Participarán o xornalista Anxo Quintela e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

César Souto Vilanova (Noia, 1975) é licenciado en Xornalismo pola USC e cursou o máster en Documental de Creación da Universitat Pompeu Fabra. Publicou os primeiros poemas a mediados dos 90 na revista Dorna. En 2004 deu ao prelo o volume Sucesos, editado na Colección Tambo. Campo aberto é o seu segundo poemario. Exerce como xornalista na TVG desde 1998. En 2015, codirixiu a longametraxe docuemnal Os días afogados, que recibiu, entre outros galardóns, o premio á mellor película no Festival Internacional de Documentais de Santiago de Chile e a mención do xurado da Competencia de Dereitos Humanos do Festival Internacional de Cine do Uruguai.

Sobre Campo aberto
A poesía ten que servir para poñerlle un marco á realidade. Un límite ao campo. O poeta procura as categorías que o expliquen e o deixen fixado, e para iso a arma é o poema. Mais os versos son, moitas veces, o mesmo campo que se autoexplica. Usamos as palabras para pintar a realidade. E as palabras está feitas, á súa vez, de realidade. Só queda a poesía. Que a escribe.