Libraría

Ángel Estévez presenta o seu primeiro poemario acompañado da súa neta, a cineasta Anxos Fazáns

Ángel Estévez Casal é o avó da cineasta Anxos Fazáns. Durante os últimos anos recolleu, ordenou e pasou a ordenador os poemas que foi escribindo durante toda a súa vida. Aos seus 82 anos vén de publicar o seu primeiro libro, A casa que me mora.

Ángel Estévez traballou como perito agrícola en varias zonas rurais de Galicia e tamén en Compostela. Ao longo da súa vida foi deixando poemas dispersos entre os libros, en pequenas notas perdidas entre as estanterías da súa casa. Despois da xubilación e sobre todo ultimamente, desde que non pode traballar nas leiras, ordenou e correxiu estes escritos. Aprendeu a usar o ordenador para transcribilos e foi organizándoos en varios poemarios. A casa que me mora é o primeiro deles, con máis de 50 poemas.

Oriundo de Marín, traballou media vida na capital galega. Durante o acto de presentación na Libraría NUMAX presentarase unha pequena peza audiovisual autoría de Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), que o ano pasado estreaba a súa ópera prima como directora, a longametraxe A Estación Violenta.

Ademais do poeta e a cineasta estará na presentación a xornalista e poeta Xiana Arias Rego.