Libraría

Fernán del Val Ripollés presenta na Libraría NUMAX «Rockeros insurgentes, modernos complacientes»

O xoves 31 de maio ás 20:00 a Libraría NUMAX acollerá a presentación de Rockeros insurgentes, modernos complacientes, o ensaio de Fernán del Val que vén de publicar a Fundación SGAE. O acto será conducido polo investigador en estudos culturais na USC Zósimo López e nel participarán, ademais do autor, Israel Sanmartín, profesor e investigador de Historia na USC e o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

O libro trata de afondar no mundo da música pop-rock durante a Transición española, nas escenas e xéneros musicais que emerxen, no papel que xogou a prensa musical e na súa relación coa mocidade e os movementos sociais da época. «Se hai unha escena musical analizada neste país, esa é a Movida madrileña. Este libro trata de abrir a visión deses anos, expondo que a Movida non estivo soa: outras escenas musicais e culturais marcaron a súa devir e acompañárona na súa evolución, escenas como o rock urbano, o heavy metal ou o rock andaluz nacen case á vez. O seu impacto non foi analizado nin estudado en profundidade. Este traballo pretende abordar o estudo destas escenas desde a socioloxía. Os estudos sobre música que se realizaron en España fixérono desde perspectivas históricas, xornalísticas, biográficas... A perspectiva sociolóxica pode proporcionar unha visión máis completa destas escenas, enraizadas tanto no seu contexto histórico como musical e artístico. Para iso, este traballo achega unha serie de materiais documentais como a prensa musical do período e entrevistas con músicos, xornalistas e persoas seguidoras destas escenas.»