Libraría

Presentación de «Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea»

Na presentación, o xoves 28 de febreiro ás 20:00 na Libraría NUMAX, participarán as editoras e coordinadoras do volume, Lucía Romaní e Aránzazu Pérez Indaverea, o prologuista do libro, Miguel Anxo Rodríguez González e máis Rafa Xaneiro, de Axóuxere Editora.

A edición e a coordinación de Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea, publicado pola editorial Axóuxere, correu a cargo de Aránzazu Pérez Indaverea e Lucía Romaní. O prólogo é de Miguel Anxo Rodríguez González e de Federico L. Silvestre. Os colectivos participantes deste libro son Espazo Extramuros, Hábitat Social, Maurer United, ArsGames, A Artística, Barbamigos, Sinsalaudio, Axóuxere, La Caja, Liceo Mutante, Alexandre A. R. Costa, Desconcierto Cultural, Gato Salvaje e Für alle Falle.

“A supervivencia no universo creativo/cultural é complexa, mais dáse, acontece. Se falamos das persoas que se aventuran a traballar nas marxes das canles oficiais, aínda o é máis, pois devén unha forma de resistencia. A súa maneira de focalizar as cousas provoca un posicionamento teórico, político e crítico que se re-pensa a si mesmo constantemente, así como tamén todos aqueles elementos práxicos e conceptuais sobre os cales desenvolven o seu traballo. Im-pulsos creativos dirixe a súa atención cara a unha realidade polo xeral silenciada, e faino a través de once relatos que nos achegan a experiencias e pensamentos singulares. Atopámonos desde a transgresión dos modelos profesionais pechados e inamovibles até a dignificación do traballo creativo incidindo no seu valor social; mesmo hai quen explora na potenciación e apertura doutras formas de vida. Este libro reflexiona sobre a necesidade de xerar e alimentar sensibilidades dende a convivencia, nunha relación igualitaria, e cun afán de axitar constantemente as conciencias, unido todo isto a un traballo que nos implique a todos como comunidade, colaborando e facéndonos partícipes fronte á demasiado estendida competencia do sistema produtivista.”

Aránzazu Pérez Indaverea (Cidade de México, 1983) é investigadora en Historia da Arte da USC. Participou en proxectos de investigación dos grupos Artconte e HAYDU e colaborou con institucións como o Consello da Cultura Galega ou proxectos como A Chocolataría. Desenvolve a súa investigación no ámbito das relacións entre a arte e as novas tecnoloxías, a concepción do lúdico e a arquitectura contemporánea. Neste eido, ten realizado estadías na Université Paris 1 e na TU Delft, e colaborado en diversas publicacións internacionais.

Lucía Romaní (Ribeira, 1981). Artista, docente e investigadora. Doutora en Belas Artes pola UVIGO, a súa tese xira en torno ás relacións entre arte e espazo público no contexto galego. Participou en proxectos de investigación como membro do grupo MODO, do Laboratorio Explolab ou do Seminario de Arte Pública da UVIGO, e en proxectos editoriais como a N-550. Membro do colectivo artístico COVA. Na actualidade dirixe diversas iniciativas no ámbito educativo e da creación contemporánena, labor que compaxina coa súa actividade artística.

Miguel Anxo Rodríguez González é profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, está especializado en Teoría da Arte e Arte Contemporánea. As súas investigacións céntranse na arte actual, desde mediados do século XX, analizando aspectos relativos á escultura, fotografía, contextos de produción artística e políticas culturais.