Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Lume na periferia»

O cuarto volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega coordinado desta volta polo docente Xosé Nogueira, «Lume na periferia», presentarase o próximo xoves 2 de xuño ás 20.30h da tarde. No encontro participarán o propio Nogueira, xunto a Margarita Ledo e Julio Vilariño. 

O docente e coordinador Xosé Nogueira, a cineasta Margarita Ledo e o investigador Julio Vilariño presentarán Lume na periferia. Para unha historia do cinema en lingua galega (4) o próximo xoves 2 de xuño ás 20.30h na Libraría NUMAX. Un volume realizado ao abeiro do grupo de investigación Performa e editado por Galaxia. 

A etiqueta Novo Cinema Galego, acuñada pouco antes de que Oliver Laxe gañase co filme Todos vós sodes capitáns o premio FIPRESCI do festival de Cannes, tivo éxito. Serviu para identificar filmes coma este ou coma Arraianos, de Eloy Enciso; O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser, de Alberto Gracia; Costa da Morte, de Lois Patiño; Mimosas, de Óliver Laxe; La estrella errante, de Alberto Gracia e Lúa Vermella, de Lois Patiño, todos con notable repercusión en festivais internacionais de cinema independente. Pasaron máis de dez anos desde que Martin Pawley, Xurxo Chirro e José Manuel Sande comezaron a falar de Novo Cinema Galego. Tempo suficiente para facer balance, para afondar no significado do mesmo e, tamén, para revisar a adecuación á realidade da propia “marca” que se aborda neste cuarto volume con artigos e colaboracións de 11 autores e autoras entre os cales se conta Jaime Pena, Iván Villarmea, Alberte Pagán, Sara Donoso, Fernando Redondo, Cristina R. Lesmes, Xurxo González, Lara Rozados, Gonzalo E. Veloso xunto aos xa nomeados Margarita Ledo e Julio Vilariño.