Libraría

A «Poesía completa de Ingeborg Bachmann», da man da súa tradutora, Cecilia Dreymüller, na Libraría NUMAX

A tradutora Cecilia Dreymüller vén á Libraría NUMAX o próximo luns 24 de setembro ás 20:00 para falarnos da Poesía completa de Ingeborg Bachmann, publicada hai uns meses na editorial barcelonesa de recente creación Tres Molins e traducida por ela mesma. Estará acompañada pola poeta ourensá Chus Pato.

Ingeborg Bachmann. Poesía completa é a primeira edición completa e bilingüe dunha obra poética inconformista, de ardente impulso moral: poesía de ton elevado, cargada politicamente, coa ollada posta no papel da mujer na cultura patriarcal. Comprende todos os textos que Ingeborg Bachmann, considerada como unha das máis importantes escritoras modernas en lingua alemá, destinou á publicación: os poemas temperáns, El tiempo aplazado e Invocación a la Osa Mayor -os dous poemarios que lle deron fama á autora-, así como os últimos poemas dos anos 1957-1967.

Cecilia Dreymüller (Nohn, Alemania, 1962) é crítica literaria e tradutora. Doutorada en filoloxía hispánica, é profesora do Goethe-Institut Barcelona e crítica literaria en Süddeutsche Zeitung, Deutschlandfunk, Avui, Revista de Occidente e Revista de libros. É así mesmo colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia (El País). En lingua castelá escribiu Incisiones. Panorama crítico de la narrativa en lengua alemana desde 1945 (Galaxia Gutenberg, 2008) e Confluencias. Antología de la mejor narrativa alemana actual (Alpha Decay, 2014). Gran coñecedora da obra do autor alemán Peter Handke, traduciu os seus libros Preguntando entre lágrimas (Alento, 2011) e Contra el sueño profundo (Nórdica, 2017). Vén de publicar Peter Handke y España (Alianza Literaria, 2017).

Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais. A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras.

A autora publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse en distintas revistas (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna, Clave Orión...) e libros colectivos e antoloxías. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu o Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título forma parte da pentaloxía Decrúa (antes Método) iniciada en 2000 con m-Talá, e da que tamén forman parte Charenton (2003), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandades do Libro como mellor autora do ano.

A poesía de Chus Pato conta con traducións ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell'Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry ( Salmon Poetry, 2010). Desde 2015, os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Desde 2016 é académica numeraria da RAG.