Libraría

Ana Matey presenta o libro «El recolector de plumas»

El Recolector de Plumas é un libro obxecto que contén documento gráfico e obra inédita. Baséase no proceso creativo desenvolvido durante cinco anos pola artista Ana Matey. O mércores 3 de xullo ás 20:00 estará a propia artista na Libraría NUMAX para presentalo.

El Recolector de Plumas é un traballo procesual de Ana Matey (Madrid, 1978) formado por debuxos, vídeos, fotografías, instalacións e accións individuais, colectivas e participativas -as performances que centran esta proposta- que a artista xera de xeito específico segundo o espazo no que se presenta e segundo o estadio no que se atopa o propio proceso creativo.

A autora defíneo como "un individuo canso do ritmo frenético do transitar e do facer na vida diaria, do continuo producir, conseguir, competir, posuír, ser máis... Unha figura que se revela contra a aceleración da sociedade occidental desde a busca íntima do baleiro e o silencio".

Todo comezou hai uns anos en Normandía, onde Ana Matey se afastou do ritmo acelerado da cidade. Naquel novo ambiente, lonxe do mundanal ruido, comezou un ritual diario en forma de longos paseos nos que se dedicaba a recoller plumas. Aquel repetido acto, concebido como unha forma consciente e plena de vivir/sentir o corpo o que nos rodea enxendrou unha dúbida: cando é máis libre unha pluma: ao estar unida ao resto de plumas, que como ela teñen a súa función formando parte doutro corpo, ou ao desprenderse e quedar soa sen función clara a expensas de que vento, auga ou outro corpo lle dean movemento?

Cada libro é diferente polo seu contido e encadernación artesanal en formato caixa de 45x12cm. Cada peza contén 19 textos, un texto da poeta Yolanda Pérez Herreras, 38 debuxos e 2 orixinais, 28 fotografías e un fotograma orixinal (sen fixar). No seu interior dúas ás agardan ser despregadas, percorridas e observadas.

Máis información sobre o traballo en:

anamatey.com
anamateymara.blogspot.com.es/p/libro-el-recolector.html