Libraría

Presentación de 'Sira e o robot' con Mark Wiersma e Miguel Mosqueira

O vindeiro sábado 16 de maio ás 12.30 temos unha cita cos máis cativos (e non tanto) co gallo da presentación do libro-disco Sira e o robot, ideado, escrito e musicado por Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, ilustrado por Iván Sende e publicado recentemente pola Editorial Xerais. Contaremos coa presenza dos dous autores, que nos introduciran na concepción da obra e aproveitarán para interpretar en formato acústico varios dos temas incluídos no disco.

«Galicia, ano 2050. O inglés acaba de ser declarado lingua oficial xunto co galego. Os humanos compórtanse como robots e os robots son aparellos choromicas que posúen o don da música. Sira, unha rapaza de dez anos cunha forte personalidade e moi imaxinativa, non acaba de atopar o seu lugar nesta sociedade. Un venres, totalmente aburrida da vida terrestre, ve un anuncio na televisión sobre un festival intergaláctico da canción que se vai celebrar en Titán, a sexta lúa do planeta Saturno. Na compaña de William, o seu inseparable e medroso robot, busca o modo de viaxar a Titán para participar no certame. Alí descubrirá un mundo novo que lle vai cambiar a súa forma de ver a vida para sempre. Ao estilo dos musicais clásicos, as cancións intercálanse de maneira natural na narración, conformando esta aventura espacial chea de humor e misterio. Unha historia para ler e escoitar.»

Entre as voces que poderedes escoitar en Sira e o robot están, entre outras, as de Xiana Arias, Krisha Kinnersly, Roi Vidal, Coralie Yap-Chine, Alexandre Charlón, David Pobra, María Arce, Moncho Mariño, Samuel Solleiro ou O Leo.