Libraría

Presentación do documental «Vértice de Versos»

O mércores 16 ás 20:00 a Libraría NUMAX acollerá a presentación do documental Vértice de versos. Participarán Carlos Lorenzo (director e produtor do documental), Baldo Ramos (poeta, artista plástico e un dos protagonistas do documental), Eduardo Estévez (poeta que intervén no documental) e Xoán Curiel (músico, autor da banda sonora do documental). No acto proxectaranse fragmentos da peza.

Vértice de Versos é unha longametraxe documental na que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético de Galicia. É un proxecto audiovisual que presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega. Unha nutrida xeración de poetas de Galicia chaman a atención pola calidade das súas creacións.

Moitos dos seus poemas traspasan as nosas fronteiras traducidos a outras linguas. Críticos, editores e o propio colectivo de escritores e escritoras explican o que pasou nos últimos 25 anos neste vértice xeográfico. Coñecer de preto a poetas como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermo axuda a comprender esta situación.