Cinema

14 obras de Aki Kaurismäki na retrospectiva (case) completa de NUMAX

Nada nos pode facer máis felices que programar unha retrospectiva (case) completa á obra dun dos maiores xenios do cinema actual e padriño de NUMAX na nosa apertura: o gran Aki Kaurismäki. Un total de 14 filmes en sesións dobres (martes e sábados) que botou a andar o 7 de setembro e terá o seu último pase o martes 4 de xaneiro de 2022.

Humor negro, conciencia de clase, uns grolos de vodka e moito rock & roll. Con estes ingredientes arranca unha retrospectiva inédita que nos fará viaxar polo universo creativo dun cineasta sen par como é o finés Aki Kaurismäki. A travesía arranca o vindeiro martes 7 de setembro coa seminal Sombras no paraíso (1986), unha contida historia de amor entre un condutor de camións do lixo (Matti Pellonpää) e unha caixeira de supermercado (Kati Outinen) que presentaba a ética e a estética dun director con mirada propia. O filme encetaba a coñecida como triloxía do proletariado que se completaría coas inesquecibles Ariel (1988) e A rapaza da fábrica de mistos (1990), tamén presentes no ciclo.

A retrospectiva inclúe tamén a esmendrellante traslación de Shakespeare ao mundo das finanzas finesas en Hamlet métese a home de negocios; dúas aventuras cos míticos Leningrad Cowboys; as emocionantes incursións no Reino Unido (Contratei un asasino a soldo) e Francia (A vida de bohemia); unha homenaxe ao nórdico silente (Juha); as 4 obras de Aki no século XXI (Un home sen pasado, Le Havre, Luces ao solpor e O outro lado da esperanza) e, por suposto, o filme de apertura do Cinema NUMAX: Nubes pasaxeiras. Arrancamos!

De setembro a decembro en NUMAX (por orde de estrea)
Sombras no paraíso (1986)
Hamlet métese a home de negocios (1987)
Ariel (1988)
Leningrad Cowboys Go America (1989)
A rapaza da fábrica de mistos (1990)
Contratei un asasino a soldo (1990)
A vida de bohemia (1992)
Leningrad Cowoys Meet Moses (1994)
Nubes pasaxeiras (1996)
Juha (1999)
Un home sen pasado (2002)
Luces ao solpor (2006)
Le Havre (2011)
O outro lado da esperanza 2016)