NUMAX

Rita Azevedo Gomes visita NUMAX para presentar a estrea de «Correspondencias»

A cineasta portuguesa Rita Azevedo Gomes viaxa até o Cinema NUMAX para participar na presentación e coloquio do seu novo filme, Correspondencias, o venres 2 de xuño ás 19:30. Ao día seguinte, sábado 3 ás 12:00, no marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC), a directora lisboeta participará nun coloquio coa doutora e poeta María do Cebreiro.

Un ano despois de recibirmos a visita de Rita Azevedo Gomes para a estrea en salas de toda España d'A vinganza dunha muller, NUMAX Distribución incorpora ao seu catálogo unha nova obra mestra desta cineasta sen par. Trátase de Correspondencias, filme que pon en escena a relación epistolar entre Sophia de Mello Breyner Andresen e Jorge de Sena, dous dos escritores portugueses máis importantes do século XX.

O exilio de Jorge, perseguido polo salazarismo, iníciase en Brasil en 1959 e continúa nos Estados Unidos, onde falece en 1978. Nunca regresou a Portugal. Estas cartas, postas en escena de maneira exemplar por Rita Azevedo Gomes, unen na distancia a Jorge e Sophia, alimentando unha complicidade afectiva e intelectual que manterán até a fin das súas vidas. A súa correspondencia e os seus poemas atravesan corpos, idiomas, países e imaxes nun filme-ensaio onde historia, política, pasado e futuro se mesturan con liberdade e absoluta mestría cinematográfica.

A estancia de Rita Azevedo Gomes en Compostela iníciase o venres 2 de xuño ás 19:30 coa presentación e coloquio no Cinema NUMAX de Correspondencias. As entradas para esta sesión xa se encontran á venda na páxina web de NUMAX ou na nosa billeteira. Un día máis tarde, o sábado 3 de xuño ás 12:00 da mañá, Azevedo participará nun encontro coa poeta e doutora en Teoría da Literatura María do Cebreiro Rábade, que terá lugar na Praza da Quintana dentro das actividades da SELIC, da que fai parte a Libraría NUMAX. A conversa tomará como referente  Correspondencias para dialogar sobre Sophia de Mello, Jorge de Sena e a relación entre literatura e cinema.