Libraría

Roberto Abuín presenta «Orfeo canta» este xoves na Libraría NUMAX

En Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno o filósofo, o escritor e editor Roberto Abuín investiga «a forza conducente que a escura potencia do real manifesta na conformación do visible a través dunha arriscada proposta a medio camiño entre poesía, narrativa e filosofía que se interna por unha senda exótica e inhabitual na escrita contemporánea», segundo Axóuxere Editora. Acompáñano Olga Novo e Juan Gallego para presentar esta obra o vindeiro xoves 18 ás 20:00 na Libraría NUMAX.

Roberto Abuín (Rianxo, 1979) estuda Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, especialízase en Antropoloxía na Universidade da Terra (Oaxaca, México), a carón do teórico e activista Gustavo Esteva, afondando na obra de Iván Illich e no estudo de sistemas ontolóxicos indíxenas de comunidades mixtecas e zapotecas. Seguiu cursos de Teoría da Literatura e Psicanálise na Universidade Autónoma de México. Foi cofundador e editor literario da Editorial Almadía e é actualmente coeditor de Axóuxere Editora. Está interesado na interrelación entre filosofía e literatura, nese ámbito intermedio no que se abre a posibilidade dun pensamento —do— por-vir.