Libraría

Rosendo Cid presenta «Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir» na libraría NUMAX

Acompañado polo poeta Juan Bello, o artista Rosendo Cid estará o xoves 9 de maio ás 20:30 na Libraría NUMAX para falarnos do seu libro Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir, editado por Papeles Mínimos.

Este libro recolle 44 debuxos feitos con bolígrafo Bic azul e outros tantos consellos. Desde o título asegúranos que os consellos non son un bo sitio para quedar a vivir, con todo non deixa de aconsellar cousas páxina tras páxina e facernos recomendacións cuxa utilidade e verosimilitude poden resultarnos máis que dubidosas. Que pretende con este título? Debemos ou non deixarnos aconsellar polo contido do libro? É un título-trampa que simplemente pretende aparentar máis profundidade da que realmente ten? Non o sabemos con seguridade. O único e cabal consello que podemos ofrecer é que teñades moito coidado coas sinopses dos libros, non sempre son de fiar.

Rosendo Cid (Ourense 1974) é artista plástico. Ten publicado 365 maneras de estar en el mundo (Duen De Bux, 2014), onde recompila 365 viñetas realizadas no espazo dun ano; 5000 veces pintura, (Galería Circular, 2017) que contén 5000 aforismos sobre o concepto de pintura; e o libro autoeditado do seu alter ego Eduardo Torres, El hombre que rayaba periódicos (2016) onde extrae versos e frases de párrafos de xornais. No ano 2018 obtivo o primeiro accésit no II Premio de Relato Breve Nélida Piñón coa colección de relatos en galego, 36 vidas breves, e tamén vén de gañar recentemente o I Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea, convocado polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. De entre as súas ultimas exposicións individuais podemos destacar Fe de erratas, na Fundación RAC de Pontevedra (2017), e, La duda es el único estado posible, na galería Nordés (2018).