Cinema

O Cinema NUMAX, única sala española participante na proxección simultánea de «Sami Blood», finalista dos Premios LUX

A rede Europa Cinemas e o Parlamento Europeo proxectan simultaneamente en distintos países da Unión Europea Sami Blood, un dos tres filmes finalistas dos Premios LUX. O Cinema NUMAX ten a honra de ser designada como a sala española participante nun evento que inclúe, ademais do visionado do filme, presentación e coloquio en directo co equipo técnico do filme. A sesión terá lugar o venres 10 de novembro ás 19:00 horas e inclúese dentro do XXXI Cineuropa, que a partir do 10 de novembro suma o Cinema NUMAX como sala de proxeccións do festival.

Sami Blood ten como protagonista a Elle Marja, unha moza lapona de 14 anos que cría renos. Exposta ao racismo e a exames biolóxicos no seu internado, empeza a soñar con outra vida. Para acadar esa nova vida deberá rachar todos os lazos coa súa familia e a súa cultura. O filme sueco compite canda a alemá Western (Valeska Grisebach) e 120 pulsacións por minuto (Robin Campillo) polo Premio LUX, un galardón outorgado polo Parlamento Europeo a filmes de prestixio do panorama comunitario, que destacan por afondar en debates sociais e políticos fundamentais e por contribuír á construción dunha identidade europea máis sólida e igualitaria.

Para celebrar a edición de 2017 dos Premios LUX, cuxa entrega terá lugar o martes 14 novembro no Parlamento Europeo de Estrasburgo, Europa Cinemas organiza unha proxección simultánea de Sami Blood en distintos países da Unión, nun pase que contará con presentación e coloquio en streaming coa equipa do filme (a directora Amanda Kermell, a actriz Lene Cecilia Sparrok e o produtor Lars G. Lindström) e a posibilidade de interactuar a posteriori nun debate vía twitter. A proxección terá lugar o venres 10 de novembro a partir das 19:00 horas e inclúese dentro da programación do XXXI Festival Cineuropa do que NUMAX será un ano máis sala de proxección. Nos actos de entrega dos Premios LUX e as charlas previas cos finalistas participará Jesús Silva Vilas, embaixador de NUMAX no Parlamento Europeo a través do 28 Times Cinema.

O acceso ao pase no Cinema NUMAX é gratuíto até completar aforo, mais pódese reservar praza enviando nome completo e teléfono de contacto a [email protected].