Libraría

Samuel Merino presenta «Claustro corda comensal» na Libraría NUMAX

Samuel Merino presentará, o vindeiro xoves 18 de abril ás 20h30, o poemario Claustro corda comensal (Galaxia) na Libraría NUMAX. O autor estará acompañado pola poeta Arancha Nogueira. A entrada é libre ata completar aforo.

A voz [guía] que fala nesta especie de crónica do suceso, comparece para abrir unha porta pola que acceder a un recanto da memoria.

A voz [testemuña] que fala nestes versos ofrece un esquema —claustro, corda, comensal— dun desastre colectivo ao que vos convoca desde o pasado. 

A voz [poética] que fala neste libro sitúase permanentemente no limiar.

Estar sempre no limiar, estar tanto no limiar que sexamos o limiar mesmo. Para poder pechar a porta. Un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.

Samuel Merino. Nado en Mos (Pontevedra) é licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e con formación en artes escénicas. Foi socio da Compañía Teatral Xerpo (O Porriño – Pontevedra) entre 2012 e 2016 e traballou durante longos períodos na Sala Ingrávida. En 2019 publicou o seu primeiro poema en castelán Enésmima Patada con Amor presentado, ademais de en diferentes cidades de Galicia, na Sala de Teatro El Umbral de Primavera (Madrid) e no Museo Pompidou de Málaga dentro da décima edición do International Festival de Poesía Irreconciliables. O seu libro de poemas Trementina foi publicado pola Editorial Talón de Aquiles. Os seus últimos traballos son Guantanamera. Poema nun só acto (2021), Con esta hoz / Con esta fouce (2023) e Claustro corda comensal (2023).