A Libraría NUMAX volve á SELIC!
A Libraría NUMAX sae á rúa do 9 ao 18 de xuño para participar na SELIC, que nesta ocasión se celebrará na Praza da Quintana. Este ano, participamos ademais coa organización dunha charla breve arredor da figura de Anne Carson e da recente publicación de A antropoloxía da auga (Chan da Pólvora) na que participarán as poetas Jesús Castro Yáñez, Oriana Méndez e Carlos Catena. Será o sábado 10 de xuño ás 19h00.
Volve a Semana do Libro de Compostela (SELIC), un espazo que reúne os principais axentes do libro da cidade de Santiago de Compostela. Agardámoste na Praza da Quintana do 9 ao 18 de xuño cunha escolla representativa da nosa libraría composta de fondo e novidades feita con moito agarimo. O horario será de luns a venres de 16:30-21:30h e nas fins de semana (sábado e domingo) de 11:30-14:00h e de 16:30-21:30h.
Nesta edición, organizamos a actividade Anne Carson sen Anne Carson, que terá lugar o sábado 10 de xuño ás 19h00 da tarde no escenario central da SELIC. Nela, Jesús Castro Yáñez, tradutor de A antropoloxía da auga, conducirá unha conversa para afondar máis na obra da poeta. Na actividade estará acompañado doutros autores, estudosos e apaixoados da autora, Oriana Méndez e Carlos Catena. A intención desta actividade é ter unha conversa imaxinaria con Anne Carson, ao mesmo tempo, que se traducen partes de entrevistas súas que permitirán afondar e degrañar temáticas subterráneas do libro, facer en directo unha especie de guía de lectura da súa obra. O acceso é gratuíto até completar aforo.
Máis sobre a SELIC 2023
Fiel ao seu concepto: "levar o protagonismo do papel ao directo", a SELIC programa conversas con autoras e autores de recoñecido prestixio como Cristina Morales, Premio Nacional de Narrativa por Lectura Fácil; Olga Novo, Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade; ou o supervendas italiano Bernardo Zannoni. Ademais, o festival amplía o seu espazo nesta edición e acollerá 26 postos de librarías e editoras, cunha media de seis actividades por xornada, entre as que se inclúe un paseo diario pola cidade con diferentes temáticas. Ademais, estreará a SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que chega coa vontade de converterse na cita de referencia do xénero en Galicia.