Cinema

Albert Serra visita NUMAX para impartir a aula «Metodoloxía e cinema contemporáneo»

Un dos meirandes nomes do cinema de autor contemporáneo, o catalán Albert Serra, visita o Cinema NUMAX para impartir o sábado 3 de decembro ás 11:30 unha aula titulada Metodoloxía e cinema contemporáneo. Ese mesmo día presentará en sala a sesión das 19:40 do seu último filme, A morte de Luís XIV.

(Fotografía: César Lucadamo)

A edición de 2016 da Aula «Os ollos verdes» de NUMAX chega á súa fin e queremos despedirnos pola porta grande. Así, o último convidado do ano será Albert Serra (Banyoles, Girona, 1975), un dos creadores máis arriscados e anovadores dos últimos anos. O autor catalán ofrecerá unha aula arredor do proceso creativo que deu lugar a A morte de Luís XIV, fita proxectada fóra de competición en Cannes e Sevilla que mereceu ademais o Premio Jean Vigo. A ollada sempre irreverente de Serra procura unha deconstrución do mito do monarca francés apoiado na portentosa interpretación do grande actor francés Jean-Pierre Leaud.

A aula, titulada Metodoloxía e cinema contemporáneo, terá lugar o sábado 3 de decembro ás 11:30 e, aproveitando a visita, Serra presentará na sala a proxección d'A morte de Luís XIV o propio sábado ás 19:40. A Aula «Os ollos verdes» conta nesta sesión co apoio da Deputación da Coruña e continuará ao longo de 2017 achegando a Compostela nomes de cabeceira do cinema internacional. Coma sempre, a aula ten un acceso libre e gratuito até completar aforo mais pódese reservar praza escribindo a [email protected].