Cinema

Arrancan as Sesións Teta de NUMAX con «Sempre nos quedará mañá»

Estamos moi felices de anunciar a primeira Sesión Teta de NUMAX, unha liña de programación que permitirá a nais e pais combinar o coidado e a lactancia das súas crianzas co goce dunha boa película. Comezamos coa emocionante Sempre nos quedará mañá, o sábado 11 de maio ás 11:45h.

As Sesións Teta que inauguramos este sábado contarán cunhas condicións especiais adaptadas a nais, pais e crianzas. As películas proxectaranse cun volume máis baixo do habitual para ficar sempre nos umbrais recomendados para as crianzas. Ademais manterase durante toda a proxección unha luz tenue e o aforo da sala estará limitado ás 40 butacas, de maneira que sexa máis doada a mobilidade en caso de ser necesaria. Coma sempre, no noso baño adaptado contamos cun cambiador. Con estas condicións, combinarase a posibilidade de gozar do mellor cinema co coidado e a lactancia das máis pequenas da casa.

A entrada xeral a estas sesións será de 5€ para nais e pais, con reserva en web ou billeteira. Xa podes adquirir a túa entrada para a sesión deste sábado.

O primeiro filme seleccionado para as Sesións Teta vén de causar sensación en toda Italia e está a deixar unha fonda pegada na súa estrea en salas españolas. Paola Cortellesi dirixe e protagoniza Sempre nos quedará mañá, na que coñeceremos a historia de Delia, unha muller oprimida polo seu marido que, aos poucos, vai tomando conciencia en complicidade coa súa filla Marcella. Un filme cheo de emoción, maxia e vitalidade para inaugurar unha liña de programación diferente e ilusionante.