Cinema

Presentación e coloquio de «Sica» coa directora Carla Subirana

O mellor cinema galego está de volta coa estrea de Sica, unha fermosa historia de iniciación gravada na Costa da Morte e interpretada por mozos e mozas da zona. No serán do domingo 21 teremos a sorte de contar coa autora do filme, Carla Subirana, para ofrecer presentación e coloquio. Entradas xa á venda en web e billeteira.

No seu debut na longametraxe de ficción, Carla Subirana convídanos a unha viaxe de iniciación e descubrimento protagonizada por actores e actrices naturais da zona. Sica, encarnada pola debutante Thais García, natural de Cabana de Bergantiños, non quere aceptar que se abandone a busca do corpo de seu pai, desaparecido tras un naufraxio. Acompañada dun misterioso "cazatormentas", Sica sente que a aldea na que medrou, situada na Costa da Morte máis perigosa e marcada polos crecentes desequilibrios da natureza, non será nunca a mesma.

Esta «fábula profunda e emocionante» (Cineuropa) está impregnada do vento e a salitre que marcan esta dura paisaxe, filmada en 16mm. por Mauro Herce (director de fotografía d'O que arde ou Longa noite) en lugares tan sobrecolledores como a Furna das Grallas (Malpica), a Cova do Petón da Campaíña (Corme), Santa Mariña ou Arou (Camariñas). O filme conta coa produción da compañía compostelá Miramemira e composición musical a cargo de Xavi Font.

Sica terá a súa estrea en salas o venres 19 de maio, tras presentarse na Berlinale e na Sección Oficial de Málaga cunha estupenda acollida da crítica: «O ruído do mar e o misterio que as ondas aniñan na súa escuma configuran a magnética atmosfera deste conto máxico» (Sergi Sánchez).

Para acompañar tan agardada estrea en NUMAX teremos a sorte de contar coa presenza da directora catalá
Carla Subirana en dúas citas ás que non podes faltar e para as que xa se pode reservar entrada:

Domingo 21 – 19:30: Presentación e coloquio
Domingo 21 – 22:00: Presentación (sen coloquio)