Cinema

Nobuhiro Suwa visita o Cinema NUMAX na estrea de «O león dorme esta noite»

Estamos moi felices de anunciarvos a visita a NUMAX esta fin de semana de Nobuhiro Suwa, considerado pola prensa especializada como «o máis importante cineasta xaponés do século XXI» (Otros Cines). O cineasta nipón viaxa especialmente desde Xapón para presentar a estrea do seu novo filme, O león dorme esta noite, que chegará ás salas de todo o Estado da man de NUMAX Distribución.

O león dorme esta noite ten como actor principal a Jean-Pierre Léaud (protagonista d'Os 400 golpes) encarnando a Jean, un nomeado actor de cinema, convocado a unha rodaxe no sur de Francia, moi preto da casa en que coñeceu na súa xuventude a Juliette, o grande amor da súa vida. Durante un descanso, aproveita para visitar unha amiga e percorrer os espazos de antano. Un grupo de nenos interrompe de súpeto a nostalxia que o axexa: preparan un filme de terror nas súas vacacións e comezan a perseguilo porque queren que Jean o protagonice. Este encontro, entre Léaud e os seus rebuldeiros sucesores, desencadea un conto fantástico inesperado e revelador bañado polo toque oriental característico do seu autor.

Multipremiado en festivais de primeiro nivel internacional como Cannes, Locarno ou Rotterdam, Nobuhiro Suwa regresa á primeira liña cinematográfica unha década despois de asinar Yuki & Nina, o seu anterior filme. O seu cinema establece unha fértil ponte entre a cultura oriental do seu país de orixe e o cinema de autor europeo, traballando nos seus últimos filmes con actores da talla de Valeria Bruni-Tedeschi, Juliette Binoche e agora o gran Jean-Pierre Léaud. O seu traballo xuntos n'O león dorme esta noite brinda unha das maiores leccións sobre a existencia humana dos últimos tempos.

Presentacións de Nobuhiro Suwa en NUMAX

Sábado 28 de abril
19:25
- Presentación e coloquio d'O león dorme esta noite.
22:00 - Presentación d'O león dorme esta noite.
*Entradas para ambas sesións e para as do venres 27 xa á venda en billeteira e web: https://numax.org/cinema/ficha/o-leon-dorme-esta-noite

Domingo 29 de abril
11:30 A cor das palabras. Encontros con cineastas: «O león dorme esta noite: un filme como un entroido». Entrada libre até completar aforo. Reservas en [email protected]