Cinema

Javier Tolentino presenta «Un blues para Teherán»

Este venres 9 de xullo temos o pracer de recibir a visita de Javier Tolentino, que ofrecerá presentación e coloquio da súa opera prima: Un blues para Teherán. Xa se pode reservar entrada na nosa web.

Todo un referente para a cinefilia nas ondas, como director do programa El séptimo vicio, Javier Tolentino debuta na longametraxe con Un blues para Teherán, unha suxestiva incursión na sociedade iraniana, na que a música e o cinema son a vía de entrada a unha apaixonante cultura. O protagonista do filme é Erfan, un mozo kurdo que nos convida a descubrir un país tan misterioso como culto a través da música e as súas xentes. El é divertido e irónico e quere converterse en director de cine. Canta, escribe poesía, vive cos seus pais e o seu loro, pero non sabe nada do amor.

«Os primeiros filmes do novo cinema iraniano impactáronme: a sofisticación dos planos, o ritmo pausado e un concepto distinto do tempo cinematográfico. Mohsen Makhmalbaf, Abbas Kiarostami, Jafar Panahi, Dariush Mehrjui, Bahman Ghobadi e Mohammad Rasoulof hipnotizáronme cun cinema do real que non eludía a poesía, todo o contrario, senón que desprendía filosofía natural, expresión cotiá do pobo persa. Un día viaxei ao deserto de Irán, camiñei polas rúas de Teherán, bañeime nas augas do Caspio e vin as estrelas desde o Kurdistán e percibín que os seus versos e a súa música eran moi familiares con reminiscencias a Europa. Non podía entender onde naceu a ruptura Oriente-Occidente. Un blues para Teherán nace desde ese afecto por un país que leva miles de anos cultivando o saber e quixen mostrar desde o cinema que me ensinou un Irán alén do poder e o petróleo. O espectador ha ter a última palabra.» (Javier Tolentino)

O filme chega ás salas tras un exitoso paso por festivais como Xixón, CPH:DOX de Copenague, Málaga ou o D'A Film Festival. Na súa presentación en NUMAX contará coa presenza do seu director. Xa se pode reservar butaca neste enlace: https://numax.org/carro/ticket/paso3/un-blues-para-teheran/10195

O director
Javier Tolentino é un dos xornalistas e críticos cinematográficos de referencia no noso país. Conta cunha extensa traxectoria de trinta años ligada aos micrófonos de RNE. Desde hai veinte anos dirixe en Radio 3 o mítico programa especializado en cinema de autor El séptimo vicio. Cuenta con recoñecementos como o Premio da Crítica (2002), o Premio do Festival de Cine de San Sebastián (2006) e en 2019 a Semana de Cine de Valladolid (Seminci) concedeulle a Espiga de Honra pola súa traxectoria. Todos estes galardóns e moitos máis non fan outra cousa que poñer en valor a tarefa informativa e divulgativa deste espazo radiofónico. Ademais do seu traballo na radio, colabora en numerosas publicacións e revistas de cinema. Publicou os libros El cine que me importa (2014, Larousse), Disculpen que les hable de la radio (2017, Caníbaal), Un alfabeto para Emma Suárez (2019, Extravertida) e en 2021 sairá á rúa, Un blues para Teherán. Apuntes, un diario poético da súas viaxes a Irán que contará coas imaxes de Juan López, director de fotografía. A súa coñecida aposta polo cinema independiente e de autor, Javier Tolentino, dá o primeiro paso na escrita e realización cinematográfica con Un blues para Teherán, proxecto ao que dedicou estes últimos cinco anos.