NUMAX

Xacio Baño e María Vázquez presentan «Trote» en NUMAX

Chega a NUMAX unha das sensacións da tempada no cinema galego. Tras engaiolarnos coas súas estupendas curtametraxes (Ser e voltar, Anacos, Ecos) o cineasta de Xove Xacio Baño dá o salto á longa en Trote, sutil retrato da vida dunha muller no rural galego que terá a súa estrea o venres 14 e contará con presentacións e coloquios durante a vindeira fin de semana.

Tras o seu exitoso tránsito por festivais de primeiro nivel internacional —Locarno ou Donostia entre outros— por fin podemos anunciar a estrea dunha das obras máis agardadas do cinema galego dos últimos anos. Trote ofrece un sentido achegamento á vida de Carme, unha muller que vive nunha aldea do interior e farta de ser a filla de... ou a irmá de... desexa fuxir, mais as circunstancias impídenlle dar o paso. Cun elenco encabezado por María Vázquez, Diego Anido e Celso Bugallo Trote chega a NUMAX co aval da crítica que a definen como unha «ópera prima dun abraiante dominio cinematográfico. Xacio Baño é un dos xinetes do cinema actual que cabalga máis rápido e, sen lugar a dúbidas, ha chegar moi lonxe.» (Fotogramas)

Trote terá a súa estrea en NUMAX o venres 14 ás 20:15 horas, e contará con presentacións e coloquios a cargo do director Xacio Baño (sábado 15 ás 17:45) e da actriz María Vázquez (domingo 16 ás 19:30). Xa se pode reservar butaca na billeteira de NUMAX a través da nosa web: https://numax.org/cinema/ficha/trote

Xacio Baño

Nacido en Xove (1983) en plena Mariña Lucense, Baño comeza a desenvolver a súa personalidade creativa no mundo da curtametraxe, onde explora con acerto a esfera doméstica e rural galega en obras como Anacos, Ser e voltar ou Eco proxectadas en festivais de primeira orde mundial como Locarno, BAFICI, MoMa, Clermont-Ferrand ou Mar del Plata. O prestixio destas primeiras obras lévao a a ser seleccionado como un dos dez talentos emerxentes do cinema española pola revista Variety. O seu salto á longametraxe en Trote garda coherencia cos seus filmes de inicio, sen deixar de explorar novas vías de expresión na tensión entre razón e instinto, entre o ser humano e o animal.