Veladas analóxicas #04 con Jesús Castro Yáñez e Marcelo Criminal: «Preguiza e lentitude»
A cuarta e última conversa da actividade «Veladas analóxicas» xuntará na Libraría NUMAX ao músico murciano Marcelo Criminal e ao poeta Jesús Castro Yáñez nunha conversa titulada «Preguiza e lentitude». Esta actividade, comisariada pola poeta Alicia Fernández, terá lugar o venres 27 de outubro ás 20:30 da tarde, e está subvencionada pola Deputación da Coruña. A entrada é libre ata completar aforo.
Para conversar ou para calquera outra acción fai falla ter tempo e fai falla ter gana: dous recursos non sempre dispoñibles e dunha dimensión social absoluta. Se o tempo é ouro e nós somos o que facemos co noso tempo, a nosa forza é ouro tamén. Entón, que facer cando non se ten enerxía para facer nada? Ou cando non apetece? Son múltiples as relacións que se establecen entre o reloxo e o corpo: a produtividade, a impaciencia, as horas mortas (ou mesmo as horas que se fan as mortas). Nesta conversa tratará de pensarse sobre iso que en nós hai que é rápido e furioso, ou nas partes de nós que son lentas e exasperantes. Para que logo poidamos dicir que non nos deitamos na cama sen facer nada, senón que estamos a resistir as formas contemporáneas da temporalidade social, ou calquera outra escusa que nos permita lacazanear cinco minutiños, só cinco minutiños máis.
A conversa «Preguiza e lentitude» terá lugar na tarde do venres 27 de outubro ás 20:30 no espazo da Libraría NUMAX. Esta actividade, que está subvencionada pola Deputación da Coruña, é aberta ata completar aforo.
Jesús Castro Yáñez.Antes era dentista e agora gaño a vida medindo fincas. Durante todo o tempo tamén fun poeta, ou polo menos funo desde o día en que con 17 anos topei co único libro de poesía que había nunha casa sen libros para un mes máis tarde gañar un premio copiando a Lorca. Despois, aprendín a disimular mellor e así puiden publicar o meu primeiro libro sen que ninguén me denunciase por plaxio. O título era Os nomes e os himnos. Despois miña nai dixo que me estaba amariconando por culpa das poesías, e resultou ser certo, aínda que só en parte: xa viña amariconado da casa. Escribín outro libro do que non teño exemplares porque os regalei e agora está esgotado e non hai xeito de atopalo. Este titulábase Ultramarino e tamén incluía cianotipos porque me interesan moito as imaxes e o azul e porque se non quedaba en moi poucas páxinas. Nos últimos auos tamén comecei a traducir libros e outras persoas traduciron os meus poemas a idiomas que non entendo. Hai moitas cousas que non entendo, pero iso xa é outro tema.
Marcelo Criminal é o nome artístico que leva usando anos Marcelo García (Murcia, 1997) para facer cancións pop no seu cuarto, gravalas de forma caseira e subilas a Youtube. En 2016 comezou a publicalas de forma autoeditadas, ata que a finais do 2018 o grupo Carolina Durante e Amaia (a gañadora de Operación Triunfo), versionaron unha delas: “Perdona (Ahora Sí que Sí)”. O seu éxito non foi inmediato só por xuntar a dúas figuras tan relevantes e antagónicas, senon porque a canción era simplemente marabillosa que se converteu nun himno de desamor para unha xeración. Con unhas letras que falan do cotián, sen pretensión ningunha, o seu son recórdanos a grupos como Beat Happening, Teen Suicide ou a Estrella de David. En 2017 publica o LP (Acepta su cruz), aos que lle seguiron Momento de auténtica realidad (2020), o EP Medio Mensaje (2022) ou o LP La úlima casa de apuestas (2023).
Sobre a actividade «Veladas analóxicas»
Coa actividade Veladas analóxicas queremos reivindicar a proximidade espacial, o contacto fisico e poñer a palabra no centro. A proposta parte do xogo: a elección de catro persoas amigas por parte de Alicia Fernández, comisaria xunto á libraría NUMAX (Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Jesús Castro e Eduard Velasco) para que, á súa vez, escollesen a unha persoa que non coñecesen e coa que lles gustaría conversar sobre un tema. Será esoutra persoa quen continúe a partida e complete a temática da reunión con aparencia de encontro fortuíto ao que asistirá un grupo de persoas baixo unhas determinadas condicións. Na actividade participarán Elena Duque e Xiana Arias; Xuan Bello e Eduard Velasco; Marcelo Criminal e Jesús Castro Yañez; e Lara Dopazo e Ángel Carracedo. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña. As conversas, que non serán retransmitidas e que non se poderán grabar, apostan por recuperar a presenza, por evitar distraccións derivadas das novas tecnoloxías, e teñen como obxectivo recuperar o acontecemento para poder lembralo, recrealo e terxiversalo.
- Hoxe
- Ver máis