Libraría

Arranca a actividade «Veladas analóxicas»

Para este ano 2023 a Libraría NUMAX presenta unha nova actividade «Veladas analóxicas», que quere recuperar a proximidade, o contacto persoal e poñer a palabra no centro. Estará composta por catro encontros que se sucederán de maio a outubro e nos que parciparán Elena Duque, Xiana Arias, Xuan Bello, Eduard Velasco, Marcelo Criminal, Jesús Castro Yáñez, Lara Dopazo e Ángel Carracedo. A actividade «Veladas analóxicas» está comisariada por Alicia Fernández e subvencionada pola Deputación da Coruña.

Neste ciclo titulado «Veladas analóxicas» tomamos unha decisión tripla non consensuada que dá a volta á dinámica na que se adoita fraguar unha amizade e que leva a preferir por veces a compaña pracenteira dun amigo ou amiga á dun familiar con quen non nos une afinidade ningunha. Xiana Arias, Lara Dopazo, Jesús Castro Yáñez e Eduard Velasco parten das afinidades ou dos intereses que pensan que os unen a alguén de quen só coñecen a obra que publican, as declaracións públicas ou os contidos que lanzan nas redes sociais (a cineasta e programadora Elena Duque, o músico Marcelo Criminal, o investigador Ángel Carracedo, e o escritor Xuan Bello, respectivamente). Será esoutra persoa quen continúe a partida e complete a temática da reunión con aparencia de encontro fortuíto ao que asistirá un grupo de persoas baixo unhas determinadas condicións. Unha das particularidades da proposta é que o encontro non se vai poder emitir nin conservar porque non se permitirá gravar nin a imaxe nin o son en ningún tipo de dispositivo. Por un momento, volveremos ao analóxico, ao papel e ao lapis. Ao público ofreceráselle un caderniño para que tomen, se o desexan, notas a man, ou para que fagan algún esbozo da escena. Lembranzas persoais á parte, a única constancia da conversa que permitirá reconstruíla serán esas notas manuscritas.

Este ciclo de conversas aposta por recuperar a presenza, a concentración, por evitar distraccións derivadas do teléfono (unha vibración, unha alarma, a tentación de mirar as redes ou as últimas mensaxes para ver se chegou algo urxente). Nada máis urxente ca a emerxencia de recuperarmos o acontecemento e que a poidamos lembrar, recrear, terxiversar. Non só queremos estar de corpo presente, reclamamos a presenza e a atención e tamén a posiblidade de lanzar unha reflexión: tiñamos máis capacidade de atender e sabiamos escoitar mellor? Como era o fío do noso discurso? O espazo libre pantallas no que conversabamos deviña verdadeiramente un lugar? Esta actividade, comisariada por Alicia Fernández e apoiada pola Deputación da Coruña, contará con catro encontros que se sucederán en NUMAX entre os meses de maio a outubro de 2023.

A entrada para asistir a estas catro conversas será libre ata completar aforo. 

Xoves 11 de maio de 2023
Xiana Arias e Elena Duque

«O engano»
É o tema escollido para esta conversa, intentando pensar en todos os xeitos nos que se pode despregar. Non sempre ser enganadas nos converte en vítimas ou enganar a outras é un sinal de maldade. Tamén o engano pode ter un lado positivo ou enriquecedor, pensado por exemplo desde as artes. Cando se cruza coa ilusión, a fantasía ou a descrición de futuros posibles, pode ser tamén xerador.

Venres 7 de xullo de 2023
Eduard Velasco e Xuan Bello

«Selvas, xardíns e labirintos»
Pode parecer que a orde lóxica sexa pasar da selva ao xardín e do xardín ao labirinto. Na selva, porén, a lóxica non é sempre a da consciencia, nin tampouco os camiños da orde labiríntica fican fóra dela. Pode o xardín, logo, acordar a tolemia e a razón? 

Venres 15 de setembro de 2023
Lara Dopazo Ruibal e Ángel Carracedo
«Dentro e fóra dos marcos»
Serve a imaxinación para enfrontarse ao mundo? E sobre todo, serve  a imaxinación para relacionarse cunha mesma e cos demais?. 'Dentro e fóra dos marcos' suxire unha conversa sobre os nosos puntos de partida e os camiños diversos para romper eses marcos, buscarlles as fendas e abrir novos camiños que permitan expandir os horizontes, non só das disciplinas nas que cada quen traballa, senón tamén na relación co contexto e con aquilo (e aqueles) que é diferente a nós.

Venres 27 de outubro de 2023
Marcelo Criminal e Jesús Castro Yáñez

«Preguiza e lentitude»
Que facer cando non se ten enerxía para facer nada? Ou cando non apetece? Son múltiples as relacións que se establecen entre o reloxo e o corpo: a produtividade, a impaciencia, as horas mortas... Nesta conversa tratará de pensarse sobre iso que en nós hai que é rápido e furioso, ou nas partes de nós que son lentas e exasperantes. 

A comisaria
Alicia Fernández
(Escairón, 1987) licenciouse en Filoloxía Galega e está a estudar Educación Infantil. Participou en varios proxectos relacionados coa escrita e a edición. Dirixiu, xunto ao escritor Eduard Velasco, a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora entre 2016 e 2018. Participou en recitais e impartiu obradoiros de iniciación á escrita poética para nenos e adultos. Na actualidade é a vogal dos Países Cataláns da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da que tamén foi vicepresidenta. Os seus poemas –que mereceron varios premios, entre outros o Francisco Añón, o Díaz Jácome, o Ánxel Casal ou o Minerva– foron publicados en revistas literarias como Xistral, Dorna e Revista das Letras, e nalgúns libros colectivos como Letras Novas (AELG, 2007), No seu despregar (Apiario, 2016) ou 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora e papeles mínimos, 2017). Mamá pelicano, premio Fiz Vergara Vilariño, é o seu segundo libro, quince anos despois de Botar o mar polos ollos, que publicou Edições Tema de Lisboa no ano 2005. Ten unha gata, a Patria, e dous fillos, a Carme e o Xonás, que sempre quere aparecer na biografía. No noso blog podedes consultar un itinerario bibliográfico que inspirou a actividade Veladas analóxicas.