Libraría

Veladas analóxicas #03 con Lara Dopazo Ruibal e Ángel Carracedo: «Dentro e fóra dos marcos»

A terceira conversa da actividade «Veladas analóxicas» xuntará na Libraría NUMAX á escritora Lara Dopazo Ruibal e ao catedrático de medicina legal Ángel Carracedo nunha conversa titulada «Dentro e fóra dos marcos». Esta actividade, comisariada pola poeta Alicia Fernández, terá lugar o venres 15 de setembro ás 20:30 da tarde, e está subvencionada pola Deputación da Coruña. A entrada é libre ata completar aforo.

Serve a imaxinación para enfrontarse ao mundo? E sobre todo, serve a imaxinación para relacionarse cunha mesma e cos demais?. 'Dentro e fóra dos marcos' suxire unha conversa entre a escritora Lara Dopazo Ruibal e o investigador e catedrático en Medicina Legal Ángel Carracedo, sobre os nosos puntos de partida e os camiños diversos para romper eses marcos, buscarlles as fendas e abrir novos camiños que permitan expandir os horizontes, non só das disciplinas nas que cada quen traballa, senón tamén na relación co contexto e con aquilo (e aqueles) que é diferente a nós.

A conversa «Dentro e fóra dos marcos» terá lugar na tarde do venres 15 de setembro ás 20:30 no espazo da Libraría NUMAX. Esta actividade, que está subvencionada pola Deputación da Coruña, é aberta ata completar aforo.

Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985). É xornalista de formación, poeta e narradora. Especializouse en Cooperación Internacional primeiro, Filosofía Práctica despois. É autora das obras de poesía claus e o alacrán (Espiral maior, 2018) e Os lobos na casa de Esaú (Chan da Pólvora, 2018). Foi coeditora e coautora do ensaio experimental A través das marxes: Entrelazando feminismos, ruralidades e comúns (Bartlebooth, 2018). Nos últimos anos, publicou a colección de contos O axolote (Galaxia, 2020) e unha tradución da poeta italiana Antonia Pozzi, Lume branco (Rinoceronte, 2021). Foi artista residente na Real Academia de España en Roma no ano 2019 e na actualidade está a rematar un MFA de Escritura Creativa na Universidade de Iowa (Estados Unidos).

Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) é catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago (USC) desde 1989, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII. Nun primeiro paso da súa carreira, adicouse principalmente á xenética forense e de poboacións, convertíndose nun destacado xenetista forense, sendo pioneiro no uso das novas tecnoloxías na identificación forense e creando un centro onde se forman científicos visitantes de todo o mundo. O seu grupo lidera a produción científica na área SCI de ciencias legais e forenses a nivel mundial.

Sobre a actividade «Veladas analóxicas»
Coa actividade Veladas analóxicas queremos reivindicar a proximidade espacial, o contacto fisico e poñer a palabra no centro. A proposta parte do xogo:  a elección de catro persoas amigas por parte de Alicia Fernández, comisaria xunto á libraría NUMAX (Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Jesús Castro e Eduard Velasco) para que, á súa vez, escollesen a unha persoa que non coñecesen e coa que lles gustaría conversar sobre un tema. Será esoutra persoa quen continúe a partida e complete a temática da reunión con aparencia de encontro fortuíto ao que asistirá un grupo de persoas baixo unhas determinadas condicións. Na actividade participarán Elena Duque e Xiana Arias; Xuan Bello e Eduard Velasco; Marcelo Criminal e Jesús Castro Yañez; e Lara Dopazo e Ángel Carracedo. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña. As conversas, que non serán retransmitidas e que non se poderán grabar, apostan por recuperar a presenza, por evitar distraccións derivadas das novas tecnoloxías, e teñen como obxectivo recuperar o acontecemento para poder lembralo, recrealo e terxiversalo.