Libraría

Veladas analóxicas #01 con Xiana Arias e Elena Duque: «O engano»

A primeira conversa da nova actividade de NUMAX, «Veladas analóxicas», terá lugar o xoves 11 de maio ás 20:30 da tarde e reunirá na Libraría NUMAX á poeta Xiana Arias coa cineasta e programadora Elena Duque para falar sobre «o engano». Esta actividade está comisariada pola poeta Alicia Fernández e subvencionada pola Deputación da Coruña. A entrada é libre ata completar aforo. 

O engano é o tema elixido para esta conversa, intentando pensar en todas as maneiras nas que se pode despregar. “Acórdaste de como chorache cando descubriche que dúas imaxes unidas podían adquirir un sentido?” Esta cita da película Le Tombeau d'Alexandre de Chris Marker sobre o cineasta utópico ruso Aleksandr Medvedkin serve para tomar un punto de vista sobre o tema: de como a montaxe cinematográfica é, en certo modo, un engano. Non sempre ser enganadas nos converte en vítimas ou enganar a outras é un sinal de maldade. Tamén o engano pode ter un lado positivo ou enriquecedor, pensado desde as artes, pois cando se cruza coa ilusión, a fantasía ou a descrición de futuros posibles é un xerador. Enganarse pode ser tamén unha forma posible de vivir en paz. Nesta conversa ambas pensarán que implica o engano desde todas as súas faces posibles.

A primeira conversa, que leva por título «O engano», terá lugar na tarde do xoves 11 de maio ás 20:30 no espazo da Libraría NUMAX. Esta actividade, que está subvencionada pola Deputación da Coruña, é aberta ata completar aforo.

Xiana Arias Rego (A Fonsagrada, 1983) é xornalista, artista e escritora. Licenciouse en Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago. Traballou na Radio Galega entre 2005 e 2020 nos programas Diario Cultural e Onda Vital e agora traballa en produción e acción cultural coa cooperativa Urdime. Publicou os libros Ortigas (Espiral Maior, 2007), Acusación (Galaxia, 2009) e o relato “As tigresas” no volume colectivo O ano do tigre (Rodolfo e Priscila, 2022). Participou dos artefactos colectivos “Pirata” e “Non Conciliados” do Cineclube de Compostela. Participou do elenco do videoclip de “Bótalle Caldo” de Malandrómeda realizado por Tremendo Audiovisual e do filme A estación violenta dirixido por Anxos Fazáns. Formou parte da banda pop Atrás Tigre e na actualidade do proxecto Clo Plas xunto a Berio Molina, con quen tamén codirixiu os vídeos “Sobre o Volcán” de Atrás Tigre e “Ratas I” & “Ratas II” de Fronte Longo.

A hispanovenezolana Elena Duque (Avilés, 1980) é cineasta, programadora, crítica e profesora. Como cineasta, o seu traballo móvese entre a animación e o collage, incorporando formatos e métodos de traballo analóxicos para revisar temas como a identidade e o sentido de pertenza a través de exercicios plásticos arredor de lugares, obxectos e texturas. Ata a data, fixo varias pezas experimentais e animadas, que se puideron ver en festivais e centros de arte de Europa, Asia e América. Dedicaronse ao seu traballo sesións monográficas en lugares como o Echo Park Film Center nos Ánxeles, EE.UU., Doc’s Kingdom (Portugal) e o MUTA (Perú). Recibiu unha Mención Especial no Festival de Xixón 2020 e o Premio á Mellor Película Nacional en CaracasDoc 2021. O seu traballo é parte dos catálogos do Collectif Jeune Cinéma (París), Hamaca, e do Archivo Xcèntric no CCCB en Barcelona. Foi residente de Artes Visuais no Centro de Residencias Artísticas de Matadero en 2023. Tamén desenvolve pezas de encargo como cabeceiras para festivais e videoclips. Na actualidade é programadora e cabeza do departamento de publicacións de (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, é programadora asociada no Festival de Cine Europeo de Sevilla, profesora na Universidade Camilo José Cela en Madrid e imparte talleres en diferentes institucións e másters.

Sobre a actividade «Veladas analóxicas»
Coa actividade Veladas analóxicas queremos reivindicar a proximidade espacial, o contacto fisico e poñer a palabra no centro. A proposta parte do xogo:  a elección de catro persoas amigas por parte de Alicia Fernández, comisaria xunto á libraría NUMAX (Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Jesús Castro e Eduard Velasco) para que, á súa vez, escollesen a unha persoa que non coñecesen e coa que lles gustaría conversar sobre un tema. Será esoutra persoa quen continúe a partida e complete a temática da reunión con aparencia de encontro fortuíto ao que asistirá un grupo de persoas baixo unhas determinadas condicións. Na actividade participarán Elena Duque e Xiana Arias; Xuan Bello e Eduard Velasco; Marcelo Criminal e Jesús Castro Yañez; e Lara Dopazo. Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña. As conversas, que non serán retransmitidas e que non se poderán grabar, apostan por recuperar a presenza, por evitar distraccións derivadas das novas tecnoloxías, e teñen como obxectivo recuperar o acontecemento para poder lembralo, recrealo e terxiversalo.