Libraría

Víctor Sampedro presenta na Libraría NUMAX «O cuarto poder en rede»

O catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política, Víctor Sampedro, visitará a Libraría NUMAX o vindeiro martes 2 de febreiro ás 20:00 para presentar «O cuarto poder en rede», unha defensa encendida da importancia do xornalismo no novo paradigma mediático.

O cuarto poder en rede, publicado por Abooks, ofrece unha reflexión cara á figura do xornalista na actual conxuntura tecnolóxica e mediática, dominada pola presenza e o uso de internet. Segundo sinala o propio Sampedro, no seu novo libro opérase unha defensa do xornalismo, «non o de agora, o que se extingue, senón o futuro, que xa xeramos desde os nosos traballos e organizacións, filtrando documentos e datos. Por iso precisamos máis e mellores xornalistas ca nunca».

Para avanzar na pescuda dos novos usos da información na era cibernética Sampedro fálanos no seu libro do caso de WikiLeaks que «propuxo usar Internet para denunciar a mentira oficial, colaborando cos medios que o sostiñan e cuestionando o seu modelo de negocio e traballo». Tal e como conclúe Sampedro, «non son terroristas, ladróns nin espías, denuncian a ciberguerra que, fundida coa guerra económica, ispe os gobernados e arroupa os poderosos».

Segundo sinala o xornalista e escritor Manuel Rivas: «Veño de ler O cuarto poder en rede e cambioume a vista. Ese é o primeiro efecto dun libro perigoso».

O libro, que conta cunha versión en galego RAG e outro en AGAL vai ser presentado polo propio autor acompañado de Manolo Barreiro, presidente de Praza Pública, e Uxío Novoneyra Rei, editor de Abooks.

Víctor Sampedro (Viveiro, 1966) é catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política. Nas últimas décadas ten investigado e publicado sobre temas como a democracia, os movementos sociais e a tecnoloxía dixital. Dirixe o Máster en Comunicación, Cultura e Cidadanía Dixital da Universidade Rei Juan Carlos. Impartido no Medialab Prado, é un posgrao oficial pioneiro, inspirado no código libre.