Libraría

Vídeo resumo da conferencia performativa de Jacobo Bugarín, «Another language in another body»

Jacobo Bugarín abriu a segunda xornada dos Discursos en acción, ciclo organizado pola Libraría NUMAX o pasado mes de agosto, coa conferencia performativa “Another language in another body”, acompañado polo actor Manu Fernández. Queremos lembrar a súa proposta con este vídeo resumo.

Discursos en acción", co apoio da Área de Cultura da Deputación de A Coruña e comisariado por Performa (David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo), convidou a artistas a ensaiar propostas no Cinema NUMAX. Entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual, seis artistas de Galicia pasaron por NUMAX con accións ben diversas.

O artista Jacobo Bugarín interviu na mañá do 22 de agosto, pero antes lanzaba este texto acompañando a súa acción:

Un exercicio de memoria a modo de presentación: diría que a ti te coñecín hai 15 anos nun mosteiro, a el no museo, cando quixen vir de veraneo dende Barcelona. Recordo que tiña moitas ganas de beber: unha coca-cola? E agora aquí, coa Montiel a unha parede de distancia, a tenda de animais enfronte, a Capitol, as galerías para atallar cada día camiño ao colexio de monxas, o chinés ao que nunca entrei,... Non podo evitar pensar no tempo que pasamos a un metro de aquí montando Circo de Pulgas con Ana, Balta, Moni, Ricardo, Nuria, Celeste... sentados nese chan amarelo que tanto lle custou a Baltasar, e estar aquí neste cubo negro que nos fai ver as cousas tan distintas; o mesmo que nos pasa coa tenda de animais de enfronte porque agora sabemos que non podemos compralo todo e iso aínda se nos fai estraño. Pensar que no seu momento a Capitol era, con total seguridade, unha sala de Berlín: eu non estiven alí xamais, en Berlín, pero si desexei ser outro. Non estar alí non significa exactamente que non vaia a estar aquí agora eu tampouco; é falar outro idioma noutro corpo. Dicir algo —non importa a quen— e atender á mensaxe e ás súas formas.

 

Jacobo Bugarín desenvolve o seu traballo centrado na percepción e relación entre espazo-obxecto e individuo-sociedade. A súa obra achégase á crítica institucional, marcada polo dominio do deseño espacial así como do traballo site-specific e contextual, nunha complexidade que só se desvela ao espectador no tránsito á sala. En 2017 o seu traballo foi merecedor das Becas de Creación Artística no Estranxeiro Gas Natural Fenosa e do IX Premio LABjoven, Los Bragales. Entre as súas últimas exposicións individuais atópanse “Unha voz sen corpo entre muros” Sala Alterarte (Ourense, 2019); “Del arte más que del frío” LABoral Centro de Arte (Gijón, 2018) ou “It is no longer in its place” Interview room 11 (Edimburgo, 2018). O seu traballo tamén foi presentado en 2016 na Sala Borrón de Oviedo, a sala de arte Zona C de Santiago de Compostela e o espacio Gabriel de Lorient (Francia) ao que se suman os seus anteriores proxectos no espazo Baleiro da USC en Santiago de Compostela en 2014 e na Galería 9THE13 no 2012. Tamén puido verse en exposicións colectivas no CGAC de Santiago de Compostela, o MARCO de Vigo, EsBaluard en Palma de Mallorca, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa de A Coruña, Fabra i Coats en Barcelona ou a Sala de Arte Joven da Comunidad de Madrid, entre outros.