Libraría

Así foi «Contar pezas», de Misha B. Golas

O artista plástico Misha Bies Golas presentou unha conferencia performativa dentro do ciclo Discursos en Acción titulada "Contar pezas". Esta "memoria oral dunha catalogación", en palabras do propio artista, chega agora en forma de resumo e cunha pequena conversa.
 

Co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a Libraría NUMAX organizou o pasado verán, co comisariado de Performa, o ciclo Discursos en acción, que convidou a artistas a ensaiar conferencias performativas na sala do Cinema NUMAX. Misha Bies Golas presentou unha conferencia xenial: "Contar pezas", a memoria oral dunha catalogación. Agora ofrecémosvos un resumo daquel traballo, do que nos fala o propio artista.

"Unha deriva a partires de certos obxectos que me veñen acompañando dende hai algún tempo. Un percorrido polos estantes e caixas do meu taller, polos meus arquivos, pola miña memoria, unha revisión dalgunhas das pezas que compoñen a miña obra e unha avaliación da vixencia das mesmas. Breves narracións de tempo atrás que volven estar presentes no meu imaxinario grazas á recombinación das súas partes, dos elementos físicos e mentais que as conformaron. Nunha tentativa de recapitular coa intención de reactivar ou anular diferentes dispositivos. Nun contar, quizais, o que non debera. Un anecdotario."

 

 

Misha Bies Golas (Lalín, 1977) é artista plástico, educado no campo da fotografía e o deseño. É un artista de mínimos, que emprega a modestia dos medios claramente ao seu favor para crear unha obra chea de referencias a un mundo terreal, absurdo e en ocasións abxecto pero dende a óptica do observador agudo e perspicaz que anda sempre a buscar a puntada. A súa obra puido verse no CGAC (Santiago de Compostela), Galería ADHOC (Vigo), Fundación Luis Seoane (A Coruña), MARCO (Vigo), Laboral (Gijón), Sala Josep Renau da Facultade de Belas Artes de San Carlos (Valencia), Appleton Square (Lisboa), Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) e Galería Luis Adelantado (Valencia) entre outros espazos. Entre as súas últimas exposicións atópanse "Referenciação", Sala Projeto Fidalga, São Paulo (Brasil), 2018; "Entre rueda y Bahamontes" en Galería Addaya, Palma de Mallorca, 2019; "Tribuna Pública", Praza Fábrica de Tabacos, A Coruña no 2019 e "La cuestión es ir tirando", Centro Cultural de España en México, 2020. Foi merecedor de importantes premios como o Primeiro Premio IV Convocatoria Mardel de Pintura, a Beca DKV/MARCO o Premio de Adquisición V Premio Internacional de Artes Plásticas Fundación María José Jove e a Beca Novos Valores da Deputación de Pontevedra. A súa obra forma parte de importantes coleccións como a Colección CGAC, Colección DKV, Fundación María José Jove, Colección Fundación Luis Seoane, Colección MICA ou Colección Mardel entre outras. Realizou colaboracións con outros artistas como Carlos Maciá, Jorge Varela, o grupo Ataque Escampe ou o cineasta Eloy Enciso entre outros. É xunto a David Silva programador do espazo Ciclón en Santiago de Compostela.