Cinema

WOS Cinema x NUMAX 2018

En NUMAX estamos moi felices de volver participar do WOS Festival, celebración anual da cultura alternativa e de vangarda. O WOS Cinema x NUMAX, que conta co patrocinio de Gadis, terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro coa proxección de tres filmes que participan das experiencias musicais máis arriscadas, do postpunk ao free jazz pasando pola música experimental. A programación e presentación das sesións corre a cargo do socio de NUMAX Marcos Flórez.

Mércores 12 de setembro | 20:15
The Public Image Is Rotten
(Tabbert Fiiller, 2017, EEUU, 103')
Public Image Ltd. (PiL) foi o grupo que John Lydon (Johnny Rotten) formou ao finalizar The Sex Pistols en 1978. Máis que unha banda, PiL é unha corporación que leva experimentando coa música e a súa representación nos medios durante máis de 30 anos. O documental, composto por un inmenso material de arquivo fílmico e a memoria dos que o viviron, traza un verdadeiro retrato do comezo do post-punk en Inglaterra.

Xoves 13 de setembro | 20:30
El ruido son las casas
(Luciana Foglio & Luján Montes, 2018, Arxentina, 63')
Un filme sobre a creación de música experimental en Bos Aires. Influenciados pola contorna urbana, distintos artistas improvisan efémeras pezas sonoras que oscilan entre a música e o que comunmente se considera ruído. Para iso, pervirten o uso de instrumentos tradicionais e constrúen dispositivos únicos.

Venres 14 de setembro | 17:45
Milford Graves Full Mantis
(Jake Meginsky & Neil Young, 2018, EEUU, 91')
Retrato filmado do famoso percusionista Milford Graves, que explora a súa creatividade caleidoscópica e a súa incansable curiosidade. Pioneiro fundador do jazz de vangarda, Graves segue sendo unha das figuras vivas máis influentes na evolución da forma.