Foco Xhanfise Keko. O mundo para a infancia (1973-1984)
Os martes do mes de maio en NUMAX descubiremos a obra da excepcional cineasta albanesa Xhanfise Keko, no ciclo O mundo para a infancia (1973-1984) que organizamos en colaboración co Museo Reina Sofía. Na primeira cita do Foco, o martes 2 de maio, contaremos coa presenza da neta da cineasta Denise Keko Andoni. Entradas xa á venda!
Estamos moi felices de anunciar o acordo de colaboración co Museo Reina Sofía que vai permitir a descuberta en Santiago da obra de Xhanfise Keko, cineasta albanesa inédita en salas españolas cuxa filmografía está dedicada integramente ao retrato da infancia. O ciclo leva por título O mundo para a infancia (1973-1984) e inclúe catro das longametraxes asinadas por Keko na Albania comunista e nas que agroma unha sensibilidade insólita para retratar o mundo desde a visión da infancia, poñendo no centro os desexos e a psicoloxía desta. A súa filmografía, atravesada pola condición de muller traballadora, tivo que adaptarse ás estritas regras da Albania dos 70, o que fai aínda máis destacable o tratamento de temas tabú como o divorcio, a sociedade de fillos únicos ou a malcrianza na clase máis adiñeirada.
A pesar dos seus logros, e da recente reivindicación a cargo do cineasta e investigador Mark Cousins, Xhanfise Keko continúa a ser unha cineasta practicamente descoñecida na historia do cinema, o que fai aínda máis relevante a celebración deste ciclo. Velaquí títulos, datas e sinopses. Entradas xa á venda para a primeira das sesións!
Martes 2 de maio | 19:00h
Tomka e os seus amigos (1977, 80') * Presenta Denise Keko Andoni, neta da cineasta
Tomka e os seus amigos xogan no seu campo de fútbol ata que un día os nazis invaden a aldea e usan o campo como almacén de munición. A escenificación da guerra borra o xogo infantil, condición que o grupo non está disposto a aceptar. Ante esta situación, Tomka e os seus colegas acabarán confabulándose para recuperar o seu espazo de xogo tomado polos nazis.
Martes 9 de maio | 20:45h
Mimoza Caprichosa (1974, 44')
Mimoza é unha nena que non quere compartir os seus xoguetes, impide o xogo no patio e é coñecida como "a malcriada". Mimoza comeza a sentirse soa e decátase de que bota en falta a alegría achegada polo xogo en grupo.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG