Cinema

Tres filmes de Vicente Vázquez e Usue Arrieta no Cinema NUMAX

O Cinema NUMAX acolle o luns 13 de febreiro ás 19:20 a sesión Sunday Rest (Domingo de descanso). Tres filmes de Vicente Vazquez e Usue Arrieta onde se proxectarán Goitik Beherea Behetik Gora (2012), The Exhaust Note (2013) e 90º Doble Vertiente (2013). A sesión contará cunha pequena presentación e posterior coloquio por parte dos seus autores.

A sesión Sunday Rest (Domingo de descanso) inclúe a presentación e a proxección de tres obras de Usue Arrieta e Vicente Vázquez con algo en común: abordan as tensións entre traballo e ocio, natureza e cultura, industrialización e comunidade. A través das imaxes e os sons compróbase como estes supostos contrarios van dar paso a unha sutil interconexión entre eles que xera un inusual e complexo retrato dun grupo social.

Antes, o mércores 8, o Cineclube Compostela acollerá a sesión Tractora Coop. Work Samples 2014/2016, onde se proxectarán Gold 20, Pasaia Bitartean e Lycisca, filmes producidos na contorna de Tractora Koop. E., a cooperativa de artistas e cineastas iniciada en 2013 por Usue Arrieta, Vicente Vázquez, Ainara Elgoibar e Marc Vives. Esta sesión retoma o espíritu do Anthology Film Archives de Nova York, considerado o cinema fundacional cooperativista en Estados Unidos baixo a iniciativa de Jonas Mekas, Peter Kubelka e Stan Brakhage. Un lugar de referencia do cinema experimental e vangardista.

Así mesmo, no seu paso pola capital galega, Arrieta e Vázquez dirixirán un grupo de traballo, un laboratorio de portas abertas o venres 10 de febreiro, dentro do festival Escenas do Cambio.

Vicente Vázquez e Usue Arrieta sérvense do contexto artístico e cinematográfico para publicar a súa actividade, que definen como un proxecto a longo prazo cuxa forma visíbel onsideran transicional e transitiva. Entenden a súa práctica como un xeito de investigar e experimentar as posibilidades do colectivo. A súa obra, xa sexa en secuencias fílmicas, textos, presentacións de diapositivas ou outros dispositivos espazo-temporais, tenta reformular o social. Os seus proxectos recentes, fortemente ligados ao territorio, lidan coa noción de coreografía.

SESIÓN Sunday Rest (Domingo de descanso)

Goitik Behera Gora (2012 | 31 min)

Un filme sobre comunidades de sentido grupais que se xeran arredor da práctica dunha afición, e sobre os imaxinarios que producen, tendo como punto de partida o estudo do ascenso e o descenso a través de dous eventos e prácticas: o aeromodelismo e as goitibeheras. Prácticas que se dan ao aire libre e que se establecen en relación a características xeográficas de planicie e pendente.

The Exhaust Note (Ton de escape) (2013 | 41 min)

The exhaust note é un termo utilizado para diferenciar o son característico de cada tubo de escape. Todas as imaxes e sons que as compoñen foron extraídas da mina de ferro ao descuberto Erzberg en Eisenerz, Austria. No filme converxen rexistros provenientes de operacións que, a primeira vista, poderían describirse como diacrónicas ou progresivas nun proceso de reconversión industrial, pero que ocorren no espazo tempo dos Alpes nun plano sincrónico. Durante o transcurso do oito secuencias asistimos a labores de explotación mineira, a operacións de musealización da práctica extractiva, así como a estratexias de patrimonialización da paisaxe física e humana (celebración do 1300 aniversario, seminario académico, congregación de brassbands e un espectáculo de danza contemporánea inspirado no Ryoanji de John Cage). The exhaust note artella esta socialización de estratos xeolóxicos agora visibles a partir da performance dos/as pilotos de Enduro.

90° Dobre vertente (2013 | 60 min)

O filme explora dous eventos multitudinarios que comparten e transforman unha mesma paisaxe. As etapas pirenaicas do Tour de Francia e o festival de músicas do mundo Pirineos Sur celebrado anualmente no embalse de Lanuza (Huesca). Realizando un seguimento das actividades que tiveron lugar en 2012, o filme amosa os Pirineos Atlánticos como unha engranaxe articulada pola creación de enerxía, o filme amosa os Pirineos Atlánticos como unha engranaxe articulada pola creacioń de enerxía e os procesos de consumo que derivan da súa morfoloxía xeolóxica, a súa situación xeopolítica e unha certa cualidade liminal entre natureza e cultura.