Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Estudo sobre o voo dos corzos» de Mónica Caldeiro

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Estudo sobre o voo dos corzos (Xerais) de Mónica Caldeiro o mércores 19 de novembro ás 19h. A autora estará acompañada polo poeta Genaro da Silva. A entrada é libre ata completar aforo.

«Estudo sobre o voo dos corzos» é unha disección da beleza vulnerábel, unha análise poética da violencia na cultura humana e na cultura da natureza. Esta ollada é aloumiño e dó pola fraxilidade desa beleza escorregadiza, inaccesíbel e inesquecíbel, para a considerar parte de nós, para protexermos esa parte de nós. Podemos entón fuxir dunha brutalidade que xa é de noso? Como aprehendérmonos dende unha linguaxe colonizada? Aquí xorden as preguntas, aquí comeza a estrada, aquí a procura cara á recuperación.

Mónica Caldeiro é unha poeta, artista escénica, escritora, investigadora e tradutora galega nada en Barcelona. A súa obra atópase en constante proceso de experimentación co texto poético e coa súa encarnación física. No ano 2011, foi poeta residente no programa de «Spoken Word» do Banff Centre. É autora, en castelán, dos libros «Vaginas, cartografías y asteroides», «La música de los planetas», «Avispero» e «Latitud Sur». En catalán, escribiu o poema-libro «Accident(ade)s de crema(r)». «Estudo sobre o voo dos corzos» (Xerais, 2025) é o seu primeiro libro en galego logo dun fondo proceso de recuperación da lingua materna.