Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Hostal España»

O xoves 31 de outubro ás 18h celebrarase unha proxección do documental Hostal España no Cinema NUMAX. Ao finalizar, ás 19:15h, presentarase o libro homónimo editado por Mr. Griffin na Libraría NUMAX coas coautoras Belén Sola, Chus Domínguez e Claudia Delso, acompañadas polo profesor e investigador Carlos Diz. A entrada para a presentación é libre ata completar aforo.

Todas as habitacións do Hostal España, un modesto e céntrico establecemento situado nunha cidade de provincias, están ocupadas por persoas maiores, moitas delas procedentes da abandonada contorna rural. Nas súas estancias, corredores e comedor, as estacións sucédense sen pausa para unha comunidade que foi convidada a gravar a súa cotiandade e participar así na creación dun filme que dea conta doutra posible forma de vida na chamada terceira idade: Hostal España.

O libro supón un achegamento experimental a esta experiencia fílmica a partir de dous textos: unha recompilación da correspondencia que mantén o cineasta que orixina a proposta, Chus Domínguez, coa antropóloga Mafe Moscoso, e «O xesto hospedante», onde Moscoso reflexiona sobre o proceso de creación audiovisual desafiando e poñendo en cuestión o tempo neoliberal nas prácticas etnográficas. As ilustracións de Claudia Delso, realizadas a partir de fotogramas da película, acompañan a lectura, animándonos a imaxinar as relacións e os mundos que habitan o Hostal España.

Belén Sola Pizarro. Investigadora e mediadora entre as prácticas artísticas colaborativas e as pedagoxías críticas. É codirectora do LAAV_ (Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental) xunto con Chus Domínguez e profesora na Facultade de Educación da Universidade de León.

Chus Domínguez. Creador audiovisual que traballa na órbita do cinema documental. Xunto con Belén Sola puxo en marcha e codirige o LAAV_ (Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental). Forma parte do colectivo Orquestina de pigmeos. É profesor na Diplomatura en Documental da ECAM (Escola de Cinema da Comunidad de Madrid) e no Grao en Belas Artes da Universidade de Salamanca.

Claudia Delso. Quixese ser debuxante de cómic ou pirata pero confórmome con debuxar señoras e plantar amorodos. Sempre en tránsito entre a xestión, a mediación e as prácticas situadas do cultural, o político, o educativo e máis aló. Cruzando saberes e alimentando o pensamento en colectivo. Durante máis de sete anos habitou unha institución pública, desde entón atráea excesivamente o xurídico e a apertura do institucional. É licenciada en Historia da Arte.

Carlos Diz. Profesor e investigador no Departamento de Socioloxía da Universidade da Coruña. É sociólogo e antropólogo de formación. Membro do ESOMI (Equipo de Investigación das Sociedades en Movemento) e do CISPAC (Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais). Dá clases na área de ciencias sociais, ciencias da educación e ciencias da saúde, ensinando materias sobre acción colectiva, historia política contemporánea, corpo e discapacidade, estudos urbanos e envellecemento, entre outras. É co-fundador de ACHEGA, Grupo de Innovación Docente sobre Aprendizaxes Colaborativas, Híbridas e Experimentais en Galicia, premiado en varias ocasións polos seus traballos de enredo entre o mundo universitario e o mundo asociativo. Escribiu e publicou numerosos artigos, libros e columnas de análises e opinión en distintos medios, na súa maioría dispoñibles en aberto na internet.