La Librería NUMAX acoge la presentación de «Laudatio Funebris» con Andrés Díaz y Eva Moreda

Andrés Díaz e Eva Moreda presentan Laudatio Funebris. Da morte, o pranto e o alén no Reino da Galiza (aCentral Folque) o xoves 30 de outubro ás 20h na Libraría NUMAX. O evento estará conducidopor Quico Cadaval. A entrada é libre ata completar aforo.

Que significaba morrer na Idade Media? Os prantos galego-portugueses amósannos un conxunto de prácticas culturais nas que a morte non era só un feito biolóxico, era tamén un acto social, político e artístico.

Estes poemas musicados, creados no ámbito cortesán e relixioso para conmemorar a morte dunha persoa, con ecos na tradición popular, transmiten unha pluralidade de voces e revelan como se construían formas colectivas de memoria, identidade e poder. Neles recoñecemos non só a dor e o consolo, senón tamén a súa sofisticación estética, encargos dinásticos para afirmar liñaxes, exercicios de memoria colectiva ou formas de devoción.

Redescubrilos hoxe é unha oportunidade para volver a un tempo no que a morte se representaba, cantaba e ritualizaba para dotala de sentido, deixando un legado literario, lingüístico e emocional que segue a interpelar a nosa sensibilidade contemporánea.