Juan Tallón presenta «Mil cosas» en NUMAX

A sala de cinema de NUMAX acollerá o presentación de Mil cosas (Anagrama) de Juan Tallón. Durante o evento, que terá lugar o venres 24 de outubro ás 18h, o escritor estará acompañado pola poeta e editora Antía Otero. O aforo é limitado, para inscribirse é preciso enviar un correo a [email protected] indicando nome, apelidos e número de teléfono. Só se pode realizar unha inscrición por persoa.
Ao remate da presentación haberá firma de libros aberta ao público no espazo de libraría. Se non podes asistir ao encontro e queres ter o teu exemplar firmado lembra que podes mercar o libro en tenda (físicamente) ou a través da nosa web (https://numax.org/libraria) indicándonos que queres que cho adique no apartado de “Información para a recollida do pedido”.
Un día na vida de Travis e Anne non empeza e acaba para dar paso a unha nova xornada. Non. A súa existencia hiperactiva levántase máis ben sobre un día perpetuo, extenuante, que impide desconectar un segundo da realidade. A velocidade endemoñada da gran cidade, o ir e vir dun sitio a outro, as infinitas tarefas que a parella encadea sen descanso, os sobresaltos, a présa, o estrés, a crianza dun fillo pequeno, a dispersión, o que queda sempre por facer, conforman un estilo de vida trepidante que o lector pode chegar a recoñecer como propio.
En vésperas de comezar as súas vacacións, baixo unha calor insoportable, ambos teñen mil cousas na cabeza que resolver, e todas elas parecen urxentes. A vida contemporánea xa se caracteriza, con todo, por non saber precisar onde reside de verdade a importancia, así que cada pequena decisión, tarefa, contratempo, afróntase como un asunto de vida ou morte.
Travis traballa nunha revista e é día de peche. Mentres lle rolda a pavorosa idea de que van despedilo, non deixan de sucederse ao seu redor imprevistos de toda clase. Anne, pola súa banda, séntese farta do departamento de atención ao cliente no que está destinada, onde a relación con algúns dos seus compañeiros ameaza con facer saltar a oficina polo aire. Non vai ser fácil chegar ao final do día.
Mil cosas é unha novela sobre a vida absolutizada polo traballo, as axendas ocupadas, o estrés cotián, a fragmentación da atención, a velocidade das cousas, as pequenas traxedias e as grandes penurias ás que as metrópoles nos empurran. Unha novela acelerada sobre a vida vertixinosa, apurada, narrada como un thriller, cunha tensión crecente na que todo pode estalar dun momento a outro. Unha nova mostra do contundente, enxeñoso e perspicaz talento narrativo de Juan Tallón para capturar un dos males do noso tempo.
Juan Tallón (Vilardevós, Ourense, 1975) é licenciado en Filosofía, aínda que sempre se gañou a vida co xornalismo. É autor de varios libros en galego, e en castelán publicou obras de non ficción como Libros peligrosos e Mientras haya bares, así como as novelas El váter de Onetti, Salvaje oeste e en Anagrama Fin de poema, Rewind, Obra maestra e El mejor del mundo. A súa novela máis recente é Mil cosas.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Puro vicio
VOSE