Proxección ao aire libre de «A invasión dos ladróns de corpos» e «Caro diario» no Festival C
Por cuarto ano seguido, o Cinema NUMAX sae á rúa con dúas proxeccións ao aire libre que terán lugar o martes 25 e o mércores 26 de agosto no treito final da rúa Concepción Arenal, dentro do Festival C que organizan o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Os filmes proxectados serán A invasión dos ladróns de corpos, de Don Siegel, e Caro diario, de Nanni Moretti. A entrada é libre e ambas proxeccións darán inicio ás 21:45h con reserva de cadeira desde as 21:15h.
Un ano máis, convertemos o treito final da rúa Concepción Arenal nunha sala de cinema a ceo aberto con dúas sesións de Cinema ao aire libre que celebramos dentro das actividades do Festival C do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, coa colaboración na parte técnica das nosas amigas de Mr. Misto.
Este ano propoñemos dúas películas moi diferentes que nos fai moita ilusión proxectar. A primeira, a mítica A invasión dos ladróns de corpos, dálle continuidade fóra da sala de cinema ao noso Nocturama de ciencia ficción. Dos anos 50 nos Estados Unidos viaxaremos á Italia dos 90 da man de Nanni Moretti. Co seu clásico estival Caro diario, podemos buscar os paralelismos entre o agosto en Roma e en Santiago, navegar polas illas Eolias e bailar ao ritmo de Juan Luis Guerra. As proxeccións darán inicio ás 21:45h se ben desde as 21:15h será posible ir collendo cadeira. O acceso é libre e gratuíto.

Martes 25 de agosto | 21:45h
A invasión dos ladróns de corpos (Invasion of the Body Snatchers, Don Siegel, 80 min, 1956, VOSE)
Este gran clásico da ciencia ficción dirixido por Don Siegel lévanos a unha pequena cidade de California onde empezan a suceder cousas moi estrañas. O doutor Miles Bennel regresa á cidade despois dunha conferencia e atópase con pacientes e coñecidos que din non recoñecer algúns dos seus familiares porque se comportan como se non fosen eles. Estes cambios causan estupor e medo entre os seus parentes e amigos.

Mércores 26 de agosto | 21:45h
Caro diario (Nanni Moretti, 96 min, 1993, VOSE)
Filme dividido en tres episodios que reflicte a vida e os pensamentos do director Nanni Moretti a través do seu diario. "Na miña Vespa" é unha aproximación á vida cotiá de Roma durante o mes de agosto. En "Illas" visita a Gerardo, un amigo que leva once anos vivindo en Lipari. Xuntos percorren outras illas como Salina, Stromboli, Panarea e Alicudi. En "Médicos" narra o seu percorrido por hospitais e especialistas incapaces de diagnosticarlle a causa duns insoportables proídos.
- Martes
- Ver máis
-
-
Kin-Dza-Dza
VOSE
-
-
O amor que permanece
VOSE
-
-
A odisea
VOSE
-
-
Vivir a terra
VOSE