Libraría

Alana S. Portero presenta «Cosamala» na Facultade de Filoloxía da USC coa Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX organiza a presentación de Cosamala (Seix Barral) de Alana S. Portero o martes 3 de novembro ás 18:00h no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. A autora estará acompañada polo escritor Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo. Ao rematar a presentación haberá sinatura de libros.

Andalucía, 1937. A columna Carranza, formada por bandoleiros, toreiros, falanxistas, terratenentes e gardas civís, avanza pola serra norte de Sevilla sub­xugando todo ao seu paso e empachando a terra de sangue, como a morte cabalgando polos campos. Un grupo de mulleres, esposas, nais e veciñas de fuxidos e perseguidos inícianse na linguaxe escura como forma de resistencia e forman un aquelarre co obxectivo de devolver á vida a un país infértil coa axuda dos seus mortos e pantasmas. Cosamala é unha historia de bruxas que parte dun crime real da guerra civil e que se nutre de elementos do horror e do folclore para levantar unha mitoloxía feminina propia de vinganza, amor e morte.

Despois de converterse nun fenómeno internacional con La mala costumbre, Alana S. Portero recorre ao seu amor pola Historia e polas lendas orais e rinde homenaxe a todas as mulleres asasinadas por entender o territorio como un manancial de sabiduría. O resultado é unha novela gótica, sureña, lorquiana e antifascista.

Alana S. Portero naceu en Madrid en 1978. Escritora, directora escénica e medievalista. Escribiu para medios como Agente Provocador, Eldiario.es, SModa, El País, Vogue España, Público e Abril. A súa primeira novela, La mala costumbre (2023), convertiuse nun fenómeno editorial dentro e fóra das nosas fronteiras, merecedora do Premio Todostuslibros das librarías (CEGAL), o Premio Cálamo, o Premio Vanity Fair, o Premio Time Out Cultura á mellor obra, o Premio Dulce Chacón, o Premio Almudena Grandes e o Prix Méditerranée en Francia. Elixido como un dos mellores libros do ano por Babelia, Abril, El Cultural, El Periódico, El Español, Ara, RTVE e Forbes, entre outros, foi traducido a dezanove idiomas e publicado en vintetres países. Como poeta, é autora do poemario La habitación de las ahogadas (2017, 2025). A súa última novela é Cosamala (2026).