Libraría

Arturo Lezcano presenta «O país invisible» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de O país invisible (Libros del K.O.) de Arturo Lezcano o luns 20 de outubro ás 19:00h. O autor estará acompañado polo xornalista Luís Pardo. A entrada é libre ata completar aforo.

Guiado pola desmesura de vinte anos de viaxes e mudanzas, entrevistas e lecturas, armado das ferramentas do reporteirismo minucioso e adobiado polo talento literario, Arturo Lezcano asina unha obra monumental que se le como unha fábula, un libro de viaxes, unha elexía e unha crónica en primeira persoa. Ou coma un Mil e unha noites das Américas contada a través dunha galería de personaxes galegos engaiolantes: Alfonso Graña, o rei dos xíbaros; Pepe la Muerte, lugartenente de Lucky Luciano; o Manolito de carne e óso de Mafalda; Antonio Soto, o heroe anarquista da Patagonia, e outras duascentas historias de mulleres e homes anónimos —os obreiros que construíron a Canle de Panamá, os inventores da noite de Copacabana e tantos máis— que crearon unha nova vida (e un país invisible) da outra beira do océano.

Arturo Lezcano (Ferrol, 1976) traballou 12 anos como corresponsal en Latinoamérica. Colaborou en El País, Gatopardo, O Globo, Jot Down, Vanity Fair, Líbero, La Voz de Galicia e tintaLibre, entre outros. Creador dos podcasts In situ, La Fortuna, Olafo ou En el corredor de la muerte. Dirixiu A terra onde nin o demo chegou (TVG, 2010) e escribiu o documental El último símbolo (Amazon, 2020). É guionista de Salvados (La Sexta) e produtor de NBC Telemundo. Publicou Fútbol sobre lenzo (Lea, 2005) e os seus textos aparecen nas antoloxías Un mundo lleno de futuro (Planeta) e Crónica (UNAM)..