Rodríguez-Méndez presenta o Episodio #05 de Creación Contemporánea: «Ir»
O artista galego Rodríguez-Méndez será o gran protagonista do quinto e último Episodio de Creación Contempoánea de NUMAX co seu traballo Ir. A obra será presentada o luns 16 decembro ás 20:00 nun acto que tamén contará coa presenza do comisario do ciclo, Ángel Calvo Ulloa.
A obra que ocupará a vitrina de NUMAX nas vindeiras semanas leva por título Ir e fai parte dun traballo aínda en proceso que se presentou en 2018 na exposición Dos mesas Monte, acompañando outra obra titulada Región de validez que o artista presenta así: «Desde o ano 2007, a miña nai (xastra de profesión) confecciona, cada mes, un pantalón e unha camisa coas dimensións do meu pai, que envía ao meu enderezo de Madrid nun paquete que nunca abro. Unha acción que uso como pretexto para recibir e acumular o meu nome escrito por ela, sobre unha embalaxe que contén unha información física e actual de meu pai.»
Ir dá continuidade ás liñas de traballo máis persoais de Rodríguez-Méndez, un artista adscrito ao campo da escultura cuxa obra adoita reflexionar sobre a súa propia condición perecedeira e efémera. Un traballo de temporalidades moi persoal que somete ao espectador, pero tamén ao propio artista, a unha sorte de estrañamento a partir da impredicibilidade coa que actúan tempo e materia. Así describe a materialidade de Ir o propio artista:
«Dúas liñas paralelas de cor dourada sobre papel sulfurizado. Na miña man unha esfera de 6cm. de diámetro impulsa un marcador que se desliza pola superficie pulida da esfera interrompendo a liña. A obra preséntase cos 100 papeis superpostos. Ir pretende facerse no perfecto. A fundación dunha esfera no encontro interno deses cuartos de circunferencias froito da interrupción da liña. Se alguén consegue visualizar esa esfera deixará entón de ser perfecta, desde a lóxica de que só o perfecto se pode comprender en si mesmo.»
Podes consultar AQUÍ os libros de Rodríguez-Méndez, a propósito deste Episodio e descargar AQUÍ a folla de sala.
O artista
Rodríguez-Méndez (Galicia, 1968) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Exerceu como docente coa UEM (Universidade Europea de Madrid) entre os anos 2005 e 2011 na especialidade de Escultura. Impartiu talleres na facultade de Belas Artes da Complutense, Pontevedra e a Universidade Autónoma Gabriel René Moreno de Bolivia. A súa obra tense exposto en centros como o S.M.A.K. de Gante, MARCO de Vigo, CA2M de Móstoles, CGAC Santiago de Compostela, Matadero de Madrid, Fundación Artos de Chipre, IVAM e o Centre del Carme de Valencia, Contemporary Arts Center de Cincinnati, Ohio, EE.UU. Caixa Forum de Barcelona, MAC Museo de Arte Contemporáneo de A Coruña, os estudios Rolf Hofmos de Oslo, Noruega, Montehermoso en Vitoria-Gasteiz, Tabacalera de Madrid e Ateliê Fidalga de Sâo Paulo, entre outros.
Escoita aquí o PODCAST deste episodio.
Os Episodios de Creación Contemporánea son un ciclo que nos achega en primeira persoa ao xeito en que se articula e toma forma, no pensamento e no taller unha peza ou un proceso artístico. Esta actividade conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Volve, África
VOSG
-
-
Bird
VOSG