Cinema

Foco ao director e produtor catalán Pere Portabella

Arranca en NUMAX un Foco dedicado ao cineasta catalán Pere Portabella, unha figura decisiva do cinema independente de quen proxectaremos obras realizadas na súa dobre faceta como director e produtor. O ciclo conta coa colaboración de Films 59, produtora dirixida polo propio cineasta.

Aos seus 97 anos, Pere Portabella é unha das figuras máis importantes do cinema español das últimas décadas, cunha obra arriscada e anovadora, tanto en termos estéticos como políticos. O Foco, que arranca hoxe en NUMAX ofrece unha ollada ampla e multidisciplinar cara ao cineasta catalán, destacando, por primeiro, a súa faceta como produtor ao frente de Films 59. No seo desta compañía viron a luz algunhas das obras máis relevantes do cinema moderno español como Viridiana, de Luis Buñuel, e dous títulos referenciais que serán proxectados na nosa pantalla: Los golfos (Carlos Saura, 1959) e El cochecito (Marco Ferreri, 1960). Tras ser inhabilitado durante unha década como produtor polas autoridades franquistas, o seu labor continuou tempo despois, destacando a produción, en 1997, da excepcional Tren de sombras, de José Luis Guerin, coa que abre o ciclo.

A finais dos sesenta arranca a carreira como director de Pere Portabella, completando unha filmografía marcada polo desafío ás narrativas clásicas e unha ollada multidisciplinar cara á creación artística, en continuo diálogo con poetas, músicos ou filósofos. Pintores como Joan Miró e Antoni Tapiès, o poeta Joan Brossa ou músicos como Carles Santos teñen participado na creación das súas películas. En anos do Tardofranquismo e a Transición, Portabella dirixe títulos de culto do cinema español máis underground e alternativo, como Vampir-Cuadecuc, Umbracle ou un artefacto político de alto alcance como El sopar, un encontro entre presos políticos filmado en 1974 que proxectaremos na súa versión actualizada de 2018.

A importancia histórica e política da súa figura desborda o estritamente cinematográfico, sendo elixido Senador en 1977 e participando na Comisión da Constitución de 1978. Porén, a súa actividade creativa non cesa, asinando en 1989 o filme de ficción Pont de Varsòvia. Xa no século XXI, realizada a curta Mudanza, filmada na Casa Museo de Federico García Lorca na Huerta de San Vicente (Granada) e Die Stille von Bach, que proxectaremos no mes de outubro en colaboración co Festival Ateneo Barroco 2024.

A obra de Portabella ten sido recoñecida internacionalmente con programas monográficos como o celebrado en 2001 no Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA), a homenaxe en 2003 do Centre Cultural George Pompidou de París ou a retrospectiva integral de toda a súa obra de 2003 no MOMA de Nova York.

Pere Portabella ― Produtor

30 de abril e 4 de maio
Tren de sombras (José Luis Guerin, 88', 1997)

7 de maio
Los golfos (Carlos Saura, 88', 1959)

14 de maio
El cochecito (Marco Ferreri, 85', 1960)

Pere Portabella ― Director

21 de maio
Vampir-Cuadecuc (Pere Portabella, 66', 1970) + Miró l'altre (15', 1969) + Acció Santos (12', 1973)

28 de maio
El sopar (Pere Portabella, 54', 1974-2018) + Mudanza (20', 2008)

30 de maio
Umbracle (Pere Portabella, 85', 1972)
Presentación do historiador e programador José Manuel Sande
+ 20:30 Presentación do libro Impugnar las normas. Intervenciones sobre arte, cine y política de Pere Portabella (Galaxia Gutenberg) na Libraría NUMAX

4 de xuño
Pont de Varsòvia (Pere Portabella, 84', 1989)

Outubro
El silencio antes de Bach (Die Stille von Bach) (102', 2007)
Incluído no Festival Ateneo Barroco 2024 (Ateneo de Santiago)