Foco Rainer Werner Fassbinder: 4 obras mestras
A nosa sección de Repertorio do mes de xuño vai estar consagrada a un dos maiores autores do Novo Cinema Alemán: Rainer Werner Fassbinder. Do cineasta bávaro proxectaremos 4 obras mestras da década dos setenta, comezando por A lei do máis forte —martes 9 de xuño— para a que xa se pode reservar butaca.
Poucas filmografías retrataron con tanta lucidez as contradicións da Alemaña de posguerra como a de Rainer Werner Fassbinder. En apenas quince anos de actividade frenética, o director construíu unha obra que explorou as relacións entre amor, poder, clase social, exclusión e sexualidade, revelando as formas visibles e invisibles da violencia cotiá.
Durante o mes de xuño no Cinema NUMAX e en colaboración coa distribuidora Avalon, imos programar catro títulos fundamentais —A lei do máis forte, O mercador das catro estacións, Effi Briest e A viaxe á felicidade de Mamá Küster— que mostran a extraordinaria capacidade de Fassbinder para observar a quen queda atrapado entre as expectativas sociais, os intereses económicos e a procura desesperada de afecto e dignidade.
Figura central do Novo Cinema Alemán, Rainer Werner Fassbinder (1945-1982) foi un dos directores máis influentes e prolíficos da historia do cinema europeo, asinando 42 longametraxes, 26 obras de teatro e importantes series televisivas en tan só 37 anos de vida. Herdeiro tanto do melodrama clásico de Douglas Sirk como do teatro épico de Bertolt Brecht, a obra de Fassbinder combina como poucas a paixón dos xéneros populares coa radicalidade formal e política, completando unha filmografía irrepetible. Xa se pode reservar entrada para a primeira das sesións do ciclo, o martes 9 de xuño ás 19:40h, con A lei do máis forte.

Programación do ciclo
Martes 9 de xuño | 19:40h
A lei do máis forte (Faustrecht der Freiheit, 123', 1975)
Franz Biberkopf é un mozo homosexual, vulgar e inxenuo que, despois de traballar como “Fox, a cabeza parlante” nunha feira, gaña medio millón de marcos na lotaría, o que lle permite frecuentar círculos gais máis selectos. Neste ambiente namora de Eugen, fillo dun empresario que posúe unha imprenta ao borde da quebra.
Martes 16 de xuño
O mercador das catro estacións (Händler der vier Jahreszeiten, 89', 1971)
Hans é un froiteiro ambulante que vende a súa mercadoría polas rúas de Múnich. Ten unha nai dominante que sempre se mostrou insatisfeita con el e unha muller fría e cínica. A súa debilidade é tal que se deixa arrastrar pola violencia e o alcol.
Mércores 24 de xuño
Effi Briest (Effi Briest, 134', 1974 )
Effi Briest é unha moza que casa cun home maior ca ela, o Barón von Instetten. Tras uns anos nos que a parella vive feliz, a amizade dela co Maior Crampas suporá un conflito ético que concluirá cun duelo entre o marido ofendido e o suposto amante.
Martes 30 de xuño
A viaxe á felicidade de Mamá Küster (Mütter Kusters Fahrt zum Himmel, 120', 1975)
Un obreiro dunha planta química asasina o fillo do seu xefe suicidándose a continuación. A súa viúva inicia unha odisea persoal na que terá que se enfrontar a manipulacións mediáticas e ideólogos políticos que buscan empregala para os seus propios fins, ignorando a única razón que a move: defender a dignidade á memoria do seu marido.