Foco William A. Wellman, 4 obras clave dun rebelde de Hollywood
O novo foco de NUMAX percorre até o 5 de xuño, a obra de William A. Wellman, con 4 obras mestras que nos farán viaxar polos grandes xéneros do cinema clásico. Comezamos!
Adoito alcumado como un rebelde de Hollywood, William A. Wellman foi un dos maiores creadores do cinema clásico, especialmente nos últimos anos do período mudo e primeiros do sonoro. De ascendencia británica, Wellman foi sempre un home de acción, participando como aviador na Primeira Guerra Mundial. Esta mesma querencia polo movemento será clave no seu cinema, de áxil narrativa e vertixinosa velocidade. Wellman dáse a coñecer a finais dos anos 20, pasando á historia como o primeiro gañador dun Oscar da Academia co seu filme Wings. A esa mesma estapa pertence Os mendigos da vida, primeira escala no foco de NUMAX. Unha obra que acompaña a vida dos máis desfavorecidos do sistema, neste caso unha moza -encarnada pola enorme Louise Brooks- que tras un intento de violación, mata o seu acosador e vístese de home para fuxir da policía.
A inicios dos trinta a obra de Wellman destaca por unha sorprendente produtividade, asinando unha media de seis filmes ao ano. Son obras de baixo orzamento hoxe denominadas pre-code, por tratar temas como a prostitución, a fame, o alcolismo ou as feridas de guerra que serían censuradas pouco despois polo célebre Código Hays. A esta estapa pertence a mítica O inimigo público, considerada como unha das grandes obras mestras do cinema de gánsters no que sobrasae a figura dun novísimo James Cagney.
Na súa obra posterior, Wellman foi tocando practicamente todos os paus do cinema clásico, sempre con acerto, dotado dunha inimitable capacidade para a narración seca e directa. En 1937 realiza a memorable Naceu unha estrela, emocionante e amargo melodrama sobre a propia industria do cinema. Nas décadas seguintes asina numerosas obras mestras do cinema do Oeste (Caravana de mulleres, Incidente en Ox-Bow, O rastro da pantera...), das que neste foco seleccionamos Ceo amarelo, cun impresionante elenco encabezado por Gregory Peck, Anne Baxter e Richard Widmark.
11, 15 e 16 de maio
Os mendigos da vida
(Beggars of Life, 1928, 82')
18, 22 e 23 de maio
O inimigo público
(The Public Enemy, 1931, 84')
25, 29 e 30 de maio
Naceu unha estrela
(A Star is Born, 1937, 111')
1, 5 e 6 de xuño
Ceo amarelo
(Yellow Sky, 1948, 98')